Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA PROMOVE UN CURSO GRATUÍTO DE SERVIZO DE BAR E CAFETERÍA PARA PERSOAS DESEMPREGADAS

O Concello de Cedeira organiza, a través da Concellería de Promoción Económica e Emprego, un curso de formación en “Servizo Bar-Cafetería” dirixido a capacitar a persoas desempregadas para o traballo no sector da hostalería. O programa é totalmente gratuíto e ten aberto o prazo de matrícula, ata cubrir por orde de inscrición un máximo de vinte prazas.

As clases impartiranse na Confraría de Pescadores a partir do 31 de maio, de luns a venres en horario de 16.00 a 21.00 horas. Serán un total de 110 horas teórico-prácticas nas que as persoas participantes aprenderán todo o relacionado co servizo á clientela nas mesas ou na barra, a preparación e presentación das diferentes bebidas, afondando específicamente nos viños, cuestión vencelladas á xestión dos negocios de hostalería e normas de seguridade e hixiene. O programa contará tamén cunha plataforma de teleformación na que o alumnado deberá completar outras dez horas de formación.

As persoas interesadas poden inscribirse a partir deste luns, día 13, a través de Whatsapp, enviando unha mensaxe ao 697 479 710, ou ben enviar un correo electrónico a noel.lopez@cedeira.gal.