Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

TODO LISTO EN CEDEIRA PARA DESPACHAR ENTRE MAÑÁ E PASADO 500 KILOS DE PERCEBES E OUTRAS VIANDAS

A Confraría de Pescadores de Cedeira ultimaba esta mesma mañá a compra da materia prima da que, segundo o que sucedeu en anos anteriores, van dar conta mañá e pasado máis de dúas mil persoas na XX Festa do Percebe. As racións do produto estrela serviranse a 15€ (uns 300gr), e ao mesmo prezo serán as de polbo á feira. Tamén haberá empanada a 6€ -no prezo van dúas racións, unha da empanada de berberechos e outra da de liscos-. É o evento que encabeza o cartel dunha fin de semana na que a vila de Cedeira acolle multitude de actividades: as festas patronais de San Román, atraccións inchables ao pé da praia Area Longa, o festival Discalz@s, o Certame de Bandas de Música e dous eventos deportivos que tamén levarán centos de persoas ata Cedeira, a proba do Circuíto Nacional de Volei Praia e a Travesía a Nado.

A carga da Festa do Percebe estará na zona do porto, como é habitual, xunto coa billeteira na que se poderán comprar os tickets para a degustación. A ventanilla abrirá un pouco antes das doce do mediodía e as racións serviranse de xeito ininterrompido, o sábado e o domingo, desde as 12.00 ás 17.00h. Xunto coas racións nomeadas, haberá bebidas –a 2€ a caña de cerveza e os refrescos e a 13€ a botella de alvariño Valmiñor). A Confraría, que conta un ano máis co apoio do Concello para a celebración do evento, despachará 500 quilos de percebe e outros tantos de polbo, ata esgotar existencias.

Reforzando a oferta lúdica da fin de semana, o Concello de Cedeira ofrecerá na tarde do domingo, de catro a seis da tarde, varias atraccións hinchables acuáticas e terrestres na praia de Area Longa, xunto con kayaks, que poderá empregar o público de xeito gratuíto, por orde de chegada e segundo as instrucións dos monitores que estarán no areal.

A parroquia de San Román celebra tamén as súas festas patronais o sábado e o domingo. O primeiro día haberá sesión vermú a cargo do Trío Antha, partido de solteros contra casados ás 19.30h e verbena nocturna con Antha e a Orquestra Origen. O domingo celebrarase misa e procesión, seguidas dunha exhibición da Street Dance School. A sesión vermú contará co Trío Manhatan e a verbena final estará amenizada polo DJ residente da Sala Coliseo, Brunookavvi.

Este sábado chega tamén unha nova edición de Discalz@s polo Festival, un evento que gusta de ofrecer variedade de estilos e moi bo ambiente. O programa condénsase en dúas sesión, a vermú, que contará a partir das 12.45h con Pastelón de Ferreñas e Quinkillada, e a nocturna, na que se sucederán a partir das 22.00h os grupos InLogic, Fillas de Cassandra, Familia Caamagno e TanDuB. O festival será na praza do Floreal, con entrada gratuíta.
No mesmo lugar, a praza de Floreal, desenvolverase o domingo o XX Certame de Bandas de Música “Vila de Cedeira”, a partir das 18.30h. Actuarán, xunto coa formación anfitroa, as bandas de Visantoña (Santiso, A Coruña) e Lourenzá (Lugo).

No eido deportivo, dúas citas importantes. Por unha banda, desenvolverase desde o venres ata o domingo en xornadas de mañá e tarde, no areal da Madalena, unha proba de dúas estrelas do Circuíto Nacional de Volei Praia, puntuable para o campeonato nacional. Participarán na mesma as 24 mellores parellas femininas e outras tantas masculinas, procedentes de toda España, e as probas garantirán ao público un espectáculo deportivo de gran nivel. As finais serán o domingo pola tarde, a partir das catro e das cinco.

Por outra banda, este domingo a partir das 18.30h, máis de 150 nadadoras e nadadores de toda Galicia participarán na vixesimoquinta Travesía a Nado Ría de Cedeira. Haberá cinco categorías segundo a idade (promesas, benxamíns, alevíns, infantil e absoluta), que farán un percorrido entre 50 e 1500 metros. Nas categorías absolutas os premios serán económicos para as primeiras posicións, e trofeos e medallas nas outras categorías.

As inscricións están abertas ata o mesmo día da proba. Para anotarse é preciso chamar ou mandar Whatsapp ao 652 21 48 33 e cubrir un formulario. Participarán deportistas de gran relevancia na comarca, como Inés Santiago ou os locais, Damián Suárez, Samuel Sánchez ou Juan Piñón.