Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

OS CONCERTOS SERÁN OS PROTAGONISTAS DAS FESTAS NA HONRA DE SANTA ANA, OS VINDEIROS 25 E 26 DE XULLO

O Concello de Cedeira organiza unha serie de actividades coa música como protagonista. Os vindeiros 25 e 26 de xullo a vila celebra as Festas na Honra de Santa Ana.

A primeira actuación musical vén da man do dj Brunookavvi, que ofrecerá unha sesión ás 23.30 horas o martes 25 na Praza Roxa. Na mañá do día 26, ás 12 horas terá lugar unha misa cantada pola Coral Eixil de Cedeira e a tradicional procesión polo casco antigo acompañada pola Banda de música Vila de Cedeira, que ofrecerá ao rematar un concerto na Praza Roxa. Á noite, haberá unha verbena ás 22.30 horas na Praza Roxa coa Orquesta Finisterre.

Paralelamente, do 25 ao 28 de xullo, na praza da Revolta haberá tobogáns inchables xigantes, unha actividade gratuíta que estará aberta de 11.30 a 12 horas e de 16.30 a 20.00 horas (excepto o 25 que só será en horario de tarde).

Outros concertos

Esta noite, o grupo Amaltea ofrece un concerto no marco da súa segunda xira por Galicia, na que van a presentar temas que aparecerán nas súas próximas gravacións e algunhas cancións do seu primeiro álbum. Será no Auditorio Municipal (rúa María Mediadora, esquina rúa Convento) ás 21 horas. O prezo das entradas establécese mediante billeteira inversa, pois o espectador decide despois do espectáculo canto quere pagar polo que escoitou.

Mañá, sábado día 22, o Auditorio acolle o Festival de Verán Rondalla de Cedeira, ás 20 horas. Participarán a coral polifónica ferrolana, A Magdalena, a coral polifónica Costumes de Bergondo e a Rondalla de Cedeira.