Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LEVA ADIANTE UNHA NOVA CAMPAÑA DE ESCAVACIÓN E CONSOLIDACIÓN NO CASTRO SARRIDAL

A empresa Axa Arqueoloxía iniciou o pasado 17 de abril unha nova campaña de escavación e consolidación no castro de Sarridal coa que queda xa á vista a totalidade da muralla e o torreón defensivo do asentamento, de case once metros de altura. O Concello de Cedeira financia con 18.000€ (IVE incluído) este novo avance no proceso de recuperación do xacemento castrexo, que se ten revelado como un dos máis importantes do Noroeste peninsular a través das diferentes campañas e achados que se sucederon desde 2017.

O arqueólogo Emilio Ramil está á fronte do equipo de seis persoas que traballan no xacemento na actual campaña, que rematará a finais deste mes. Segundo explicou, consolidáronse os restos escavados na anterior incursión, na primavera do pasado ano, e puxéronse ao descuberto máis fiadas de pedra tanto da muralla defensiva como do torreón. No sector da terraza que está situada antes do foxo tamén se está a escavar o empedrado –aparecen dous tipos, un da época castrexa a outro posterior, enriba, da galaico-romana- así como os restos de tres muros.

O Concello de Cedeira impulsou no ano 2017, co apoio da Xunta de Galicia, a escavación do castro Sarridal. O achado dun monumento con forno e cunha pedra formosa, o equivalente na cultura castrexa a un balneario actual, confirmou cos primeiros traballos a importancia do xacemento, xa que estes son elementos dos que só se descubriron cinco ata o momento en Galicia. Cómpre destacar que desde entón sucedéronse as campañas de escavación financiadas polo Concello e as de consolidación custeadas pola Dirección Xeral de Patrimonio e que a través delas puido corroborarse que o asentamento estivo habitado desde o século III ou IV antes de Cristo ata, polo menos, o IV ou o V despois de Cristo, de maneira que hai restos da época castrexa e posteriores, da galaico-romana.