Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO SOLICITA UNHA SUBVENCIÓN PARA FINANCIAR O 80% DA AMPLIACIÓN DO XIMNASIO MUNICIPAL

O Concello de Cedeira vén de solicitar unha subvención da Xunta de Galicia, no marco da convocatoria da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para a construción, reforma, reparación, adecuación ou reforma de instalacións deportivas dos concellos, para financiar a ampliación do espazo destinado a ximnasio no Polideportivo Municipal. A actuación está orzamentada en preto de 62.000€ e a axuda autonómica servirá para sufragar o 80%.

O espazo destinado ao ximnasio, dentro do Polideportivo Municipal, conta actualmente con 82 metros cadrados. É unha superficie que se quedou pequena para a alta demanda destas instalacións, que son empregadas por pequenos e maiores, tanto para actividades e entrenamentos persoais como en programas dirixidos, como son as clases de Ximnasia Terapéutica que o Concello imparte a maiores de 60 anos ou as sesións da Asociación Apader.

A ampliación prevista permitirá dotar ao ximnasio dun total de 119 metros cadrados. Estará no mesmo sitio que agora, preto da pista polideportiva, pero adecuarase todo o espazo dispoñible ata o paramento exterior do propio pavillón. O presuposto da actuación é de 61.905,69€ e a prevision do Concello de Cedeira é financiar o 80% a través da devandita subvención da Xunta de Galicia, aportando dos orzamentos municipais o 20% restante.