Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O AUDITORIO ACOLLE ESTE SÁBADO A OBRA DE TEATRO “CRÓNICA DUNHA HETEROSEXUAL INSATISFEITA”

A particular viaxe de autodescubrimento dunha muller de mediana idade chega este sábado ao escenario do Auditorio Municipal de Cedeira. A compañía Verdeveras Expresións Artísticas presenta “Crónica dunha heterosexual insatisfeita”, unha obra coproducida polo Centro Dramático galego e escrita e interpretada por María Ángeles Iglesias. A representación, dirixida a un público adulto, será ás 20.30 horas e as entradas poden reservarse anticipadamente a través do whatsapp do número 649 876614.

“Crónica dunha heterosexual insatisfeita” fala dunha muller normal, desas que non van aparecer nunca nun libro de historia, que cae na conta de que está a facerse vella e que, se non fai nada para remedialo, vai morrer conxelada. E decide facer realidade unha das súas fantasías.

A obra é unha comedia con moito fondo, na que se reflexiona sobre a construción da sexualidade, as parellas, os desexos e as motivacións. Unha viaxe na que a protagonista renace e comeza a voar.

Verdeveras Expresións Artísticas naceu no ano 2011 en Santiago de Compostela e está integrada pola dramaturga María Ángeles Iglesias e o músico e compositor Tato López.