Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

LILA TEATRO REPRESENTA ESTE SÁBADO NO AUDITORIO A OBRA PARA O PÚBLICO INFANTIL “DUNCAN DE PALLEIRO”

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este sábado a representación de “Duncan de Palleiro”, unha obra propia da compañía Lila Teatro dirixida ao público infantil. A peza conta o transcurso dun día na vida de Duncan, un can moi especial que pertence á enxebre raza de Palleiro. Este personaxe leva unha vida tranquila ao carón do seu amo Aurelio e os seus amigos nunha pequena vila de montaña, mais alí onde vai leva consigo unha sorpresa que non deixa a ninguén indiferente. A obra terá lugar ás 19:00 horas e a entrada ten un prezo de 2,5 euros.

Por outra banda, na tarde-noite do venres, os alumnos de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES Punta Candieira organizan un festival musical para recadar diñeiro para as súas excursións. O evento constará de dous pases, un ás 19:00 e outro ás 21:00 horas, ambos no Auditorio Municipal de Cedeira. A entrada ten un custo de 3 euros e pode adquirirse na billeteira a partir das 16:00 horas. Ademais, os alumnos venderán rifas para participar no sorteo de dúas experiencias, do que se coñecerán os gañadores ao finalizar os espectáculos.

Para pechar a axenda da fin de semana, na tarde do domingo está prevista unha xornada de “Somos Moitos Tour”, unha campaña de comunicación sobre oportunidades e políticas xuvenís que vai dirixida á mocidade e está promovida en conxunto pola rede Eurodesk e a Deputación de Coruña. O programa consta de charlas informativas sobre oportunidades de emprego nos países do Espazo Económico Europeo e prácticas no ámbito nacional, actividades participativas para o desenvolvemento de “soft skills” e xogos para achegar aos mozos e mozas á cultura doutros países europeos. A xornada organízase no Centro de Ocio Xuvenil de Cedeira entre as 17:00 e as 21:00 horas.