Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ADICA ESTE ANO 115.800€ AOS CONVENIOS DE COLABORACIÓN CON DOCE ASOCIACIÓNS DA VILA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, asinou nos últimos días convenios nominativos de colaboración con once asociacións da vila por valor de 78.999€, cantidade aos que se suma a aportación anual á Asociación Escola de Música Vila de Cedeira, cun convenio en vigor por catro anos e que prevé unha aportación anual de 37.000€. Son, en total, 115.800€ do orzamento municipal que van destinados a apoiar o funcionamento da citada Escola de Musica xunto con Apader, as Anpas O Beco e Picapeixe, Sobre Rodas, Protección Civil, Cruz Vermella, Asociación Mares, ABAC, Arce, A Crina e San Andrés Eventos, entidades que tal e como recordou Moreda Gil “prestan, cada unha no seu ámbito, servizos esenciais para Cedeira, ben sexa no social, no cultural ou educativo”.

“O goberno municipal mantén unha colaboración estrecha con todas estas asociacións, nas que temos veciños e veciñas que traballan desinteresadamente polos demáis”, destacou o alcalde, que explicou que o Concello adianta o 70% do importe do convenio ás entidades para facilitarlles o traballo e que xa están firmadas tamén nalgúns casos as ordes de pago.

En detalle, o convenio con Apader proporciona 10.000€ a esta asociación para cubrir gastos de persoal e soster os importantes servizos que presta a persoas con discapacidade psíquica. Sobre Rodas, asociación adicada ás persoas con discapacidades físicas, conta con 6.000€ de subvención que se adican a sufragar monitores, alugueres e outros gastos correntes.

A agrupación local de Protección Civil, pola súa banda, recibe a través do convenio co Concello 12.000€ para actividades e 6.000€ para investimentos, mentres que a asemblea cedeiresa da Cruz Vermella obtén 3.800€ para gastos de funcionamento.

No eido educativo, a Anpa O Beco, de nais e pais do IES Punta Candieira, ten unha subvención de 7.000€ para financiar actividades de ocupación do tempo de lecer, promoción da lectura e do uso por parte da cidadanía das tecnoloxías da información e a comunicación. A Anpa Picapeixe, do CEIP Nicolás do Río, recibe pola súa banda 5.000€ cos que sufragar actividades extraescolares e tamén outras organizadas no horario escolar coa colaboración do centro -como excursións ou o Día da Árbore-, proxeccións audiovisuais no Auditorio e o Servizo de Madrugadores. A Asociación Escola de Música Vila de Cedeira, pola súa banda, formalizou no pasado 2020 un convenio de colaboración co Concello por catro anos, que garante unha anualidade de 37.000€ para subvencionar o centro, no que se imparten clases de música a máis de 130 alumnos.

A Asociación Mares, que xestiona o Museo Mares de Cedeira, recibe 10.000€ do Concello para gastos de persoal e mantemento das instalacións.

Tamén conta cun novo convenio anual a Asociación de Amigos dos Ríos de Cedeira (ARCE), por valor de 4.000€, para sufragar actividades de limpeza no Condomiñas e sensibilización e educación ambiental. A asociación ecuestre A Crina obtén, pola súa banda, 3.500€ a través do seu convenio nominativo para a organización da tradicional rapa das bestas e San Andrés Eventos conta con outro convenio, tamén por 3.500 euros, para a organización de actividades encamiñadas ao coñecemento e divulgación do patrimonio material e inmaterial deste núcleo e a súa ruta de peregrinación.

Por último, a Asociación de Benestar Animal de Cedeira (ABAC) conta con 8.000€ de subvención municipal para sufragar as súas actividades de control das colonias de gatos, campañas de sensibilización e outras tarefas vencelladas ao coidado do estado sanitario dos animais da rúa.