Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Trompicallo Teatro representará o sábado en Cedeira a obra “Planeta Ardora”

TROMPICALLO TEATRO REPRESENTARÁ O SÁBADO EN CEDEIRA A OBRA “PLANETA ARDORA”

O auditorio municipal de Cedeira acollerá este sábado (día 4) unha nova sesión de teatro dirixida ao público infantil. Así, a compañía Trompicallo Teatro porá en escena a obra “Planeta Ardora”, unha función que dará comezo ás 18.00 horas e que terá un custo de 2,5 euros por espectador.

Trátase dunha peza na que se pon de manifesto que “houbo un día no que o Planeta Ardora estivo cheo de luz, un día no que florecían as adalas, que así é como se chaman alí as flores, os tulús, os peixes nadaban na ardora que é a auga-luz que da nome ao planeta e que ilumina a moitos seres que alí viven. Naqueles días Ardora podía considerarse un planeta feliz pero todo isto rematou. Alguén comezou a estragar a auga-luz e con ela ao resto da vida, deixando todo enzoufado e noxento. Os pobres ardorianos non sabían que facer nin onde ir e vagaban polo planeta ennegrecido intentando atopar un lugar para empezar de novo cando un pequeno ser, un verme nun curruncho do planeta é quen de devolverlles a esperanza e as forzas para loitar e intentar salvar Ardora. Agora só queda por ver se o conseguirán”.