Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PROMOVEN EN CEDEIRA UN CICLO INFORMAL DE CHARLAS SOBRE DIFERENTES TEMAS DE CIENCIA E CULTURA

Cedeira acollerá nos vindeiros meses de xullo e agosto catro veladas científicas e culturais nas que persoas vencelladas de diferentes maneiras á localidade ofrecerán charlas divulgativas sobre as súas áreas de coñecemento e as súas experiencias. O ciclo de actividades leva por título “Cedeciencia” e é unha mostra máis do espíritu bulideiro e emprendedor da sociedade cedeiresa.

David Vilela, un doutor en Enxeñería Industrial adicado á enxeñería de software, máis específicamente á creación de sistemas multiaxente para intelixencia artificial distribuída; Sara Abuín, psicóloga integrativa e musicoterapeuta; Juan Antonio Rodríguez Pérez, doutor en Bioloxía Evolutiva e adicado á investigación en xenómica estrutural; e Sergio Muíño, investigador en turismo e impulsor da iniciativa Eu Fun de Vivo –www.eufundevivo.com-, son os artífices deste programa de charlas, que se vai desenvolver en escenarios pouco formais e acordes coa finalidade divulgativa que ten todas as actividades.

Tal como explica Sergio Muíño, a participación de todos os relatores é desinteresada e algúns deles traballan e residen en lugares afastados como Noruega, Dinamarca ou Reino Unido, porén comparten o seu vencello a Cedeira. A finalidade é achegar á veciñanza de Cedeira, e en xeral a calquera persoa interesada, temas científicos e culturais de actualidade co máximo rigor, pero tamén dunha maneira amena e sinxela.

O venres 5 de xullo será a primeira cita. O café bar Pinzón acollerá a reunión, a partir das 19.30h. En primeiro lugar falarán os mozos e mozas que están a participar no Hiperbaric Challenge, que se vai desenvolver esta próxima fin de semana en Burgos. Despois da exposición sobre este reto técnico chegará a quenda de David Vilela, que ofrecerá a charla titulada “Poñerlle o cascabel á IA”. Rubén Vilela, por último, falará sobre o impacto do Big Data no mundo e nos negocios.

A seguinte cita será o venres 19 de xullo, no café bar O Mástil. Desta volta, tamén a partir das 19.30, Sara Abuín ofrecerá a charla “Soo a vento: a figura sinestésica na expresión emocional”, que dará paso á intervención da Lucía Álvarez, titulada “Sexoloxía sen filtros, separando mitos e realidade”.

Xa en agosto, Cedeciencia fixou outras dúas citas para os días 3 e 9. A primeira será no Museo Mares, ás 12.00 horas, e nela falarán Sergio Muíño, que abordará a creación dun produto turístico cultural en Cedeira; o artista Adrián Taracido, que titulou a súa charla “Dando cor a Cedeira”, e Adrián Piñón, que falará sobre “A caza de bruxas”. O día 9, ás 19.30h no café Sonreiras, Jorge Salgado falará sobre “Edificios intelixentes: a enerxía do futuro xa está aquí” e Roberto Mourente pechará o programa cunha charla sobre “O que descoñecemos sobre o patrimonio biolóxico da Serra da Capelada”.

A intención dos organizadores é manter o impulso de Cedeciencia ao longo do ano, concertando outras charlas co mesmo corte divulgativo.