Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO RENOVA O PANEL INFORMATIVO DA PRAZA DE GALICIA CUNHA NOVA PANTALLA CON ILUMINACIÓN LED

O Concello de Cedeira vén de substituír o panel informativo da praza de Galicia por un novo con lámpadas led que permite visualizar con gran calidade tanto vídeos como fotografías, así como calquera tipo de texto. Desde o goberno local destacan a utilidade desta pantalla para poñer a pé de rúa todo tipo de información de interese xeral para a cidadanía, garantindo que estea ao fío da programación de actividades ou doutras novidades da vila, así como das alertas meteorolóxicas e avisos urxentes coa inmediatez necesaria.

Cómpre recordar que o Concello de Cedeira actualiza diariamente a sección de novas na súa páxina web e lanza todas as informacións a través da súa canle de difusión Cedeira Informa, que funciona coa aplicación de mensaxería instantánea Whatsapp –para apuntarse hai que gardar nos contactos do teléfono móvil o número 604 024 266 e enviar a mensaxe “Alta”-.

A situación do panel informativo, nun lugar moi céntrico da vila, pola que transitan a pé moitos veciños e veciñas e polo que tamén pasan moitos vehículos, permite reforzar a comunicación coa cidadanía en xeral e facilitala coas persoas que teñen menos acceso ás novas tecnoloxías.