O TALLER DE DEBUXO E PINTURA VOLVE REUNIR ESTE ANO A 75 PERSOAS QUE AXUDAN A CREAR AFECCIÓN POLA ARTE DA REPRESENTACIÓN GRÁFICA

A vila de Cedeira pode presumir da súa afección á pintura, unha sona que ven de lonxe e que, en certo modo, está relacionada coas clases de debuxo e pintura que desde hai máis de vinte anos imparte Andrés Urrutia a nenos e adultos. Arredor dunhas 75 persoas toman parte nunha actividade promovida polo Concello que arrincaba o pasado mércores e que terá continuidade ao longo de todo o curso. Este ano as clases no colexio Nicolás del Río serán os venres, entre as catro e as seis da tarde. Hai máis dun grupo nesta actividade extraescolar. A idade dos alumnos oscila entre os catro e dez anos, en xeral. A inscrición se pode levar a cabo na mesma secretaría do centro.

O maior número de alumnos é o que acude de luns a xoves ao edificio municipal situado a carón da escola infantil, tamén coñecido como a sindical. Neste caso, as clases as hai tanto en horario de mañá como de tarde e a reserva de praza se pode levar a cabo a través do número de teléfono 650610 358.

O taller de debuxo e pintura tamén abre a posibilidade de participar a persoas que vivan fóra da vila. Así será este ano no caso dos veciños de Santalla e Montoxo. En Santalla as clases serán o mércores pola tarde e na parroquia de Montoxo, tamén pola tarde, pero os venres.

Andrés Urrutia considera que a afección que existe non é a que había cando el empezou a impartir clases, e que segue a medrar na medida en que a xente que participa pode ver ata onde pode chegar a súa creatividade.