Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O HUMORISTA GRÁFICO LUÍS DAVILA ASINA UNHA NOVA PEZA DO MUSEO DE ARTE NA RÚA DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira acaba de sumar unha peza máis ao seu museo de arte ao aire libre. O humorista gráfico Luís Davila rematou nos pasados días un mural na rúa María Mediadora no que aparecen dous dos seus populares personaxes, moradores habituais das tiras cómicas “O Bichero”: Un rapaz coa mochila ao lombo e visiblemente canso camiña dicindo “Vou ao Santo André de Teixido”, mentres que unha vella o observa e dille “oes… pois véxote máis morto que vivo”.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que a galería de “street art” de Cedeira crece coa aportación deste artista tan coñecido e querido en Galicia. O mural de Luís Davila “serve para promocionar Santo André de Teixido ao tempo que vai arrancar de seguro un sorriso a todas as persoas que o vexan tirando da nosa retranca, o particular sentido do humor das nosas xentes”. A obra ocupa unha franxa de 22 metros de lonxitude por 2,9 de alto e a súa contratación supuxo un gasto de 4.345€ (IVE incluído). O artista pontevedrés realizou a pintura coa colaboración de María Acuña.

A obra súmase a outras que ao longo deste mandato e o anterior foron poboando diferentes edificios e paredes de propiedade municipal, configurando un museo sen teitos nen paredes. Así, o “street art” adorna xa o exterior da biblioteca municipal coa imaxe de Rosalía de Castro e algúns dos seus versos, obra de Agustín González; o artista Adrián Taracido pintou o exterior da estación de bombeo e os peches da escola infantil A Galiña Azul e do CEIP Nicolás do Río. Leandro Lamas encargouse de adornar os baixos da Ponte Nova e Laura Recio fixo a pintura adicada ao Samaín na rúa da Cruz. Xunto con estas obras, o Concello promoveu tamén o mural participativo sobre a igualdade que fixeron alumnos e alumnas do IES Punta Candieira, nunha parede situada preto do centro, coa axuda do colectivo artístico Vella Escola.

Ademais, o goberno local de Cedeira convocou o pasado ano un concurso público para facilitar que asociacións, comunidades de veciños ou particulares contaran con apoio económico para adornar os seus inmobles. Froito daquela iniciativa, unha comunidade de veciños da localidade vai poder executar no mes de xuño o seu proxecto artístico, na zona próxima á estación de autobuses. Destacou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, que a iniciativa de poñer arte na rúa se está a converter nun esforzo colectivo, que xa non implica so ao Concello. Nese sentido celebrou o mural que fixo recentemente o CEIP Nicolás do Río para decorar o seu patio cuberto. “Gústanos moito ese traballo, que está xa incorporado tamén á paisaxe común da nosa vila, e estamos contentos coa dinámica de colaboración e participación entre o centro educativo e o Concello”, explicou.