Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO MELLORARÁ A XESTIÓN DE BIORRESIDUOS A TRAVÉS DUNHAS AXUDAS DE FONDOS NEXT GENERATION

O Concello de Cedeira solicitou axudas dun programa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para actuacións en materia de xestión de biorresiduos dotado con fondos do plan europeo Next Generation. Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, o goberno local acolleuse ás dúas liñas previstas neste programa de concurrencia non competitiva, de maneira que se actuará tanto na mellora da xestión dos residuos que van á planta de Sogama, como no tratamento in situ, é dicir, a través da compostaxe doméstica ou comunitaria. Solicitáronse 38.754,81€, aos que se sumará unha aportación municipal de 4.306,09€, para executar no exercicio actual e no de 2023.

A maior parte dos fondos solicitados irán a financiar actuacións correspondentes á mellora da recollida separativa de biorresiduos con destino á planta de tratamento de Sogama. Así, os 33.332,9€ destinados a estas actuacións -29.999,61€ procedentes das axudas do Next Generationempregaranse na compra de caldeiros e bolsas compostables para o uso doméstido, sistemas de identificación de usuario e pesada, contedores para a vía pública e a realización de dúas campañas de información e sensibilización, unha dirixida á poboación en xeral e outra orientada aos grandes xeradores de biorresiduos. Todas estas accións executaranse no actual exercicio 2022.

Na segunda liña de axudas, dirixida a mellorar o tratamento dos residuos in situ, está prevista a adquisición de caldeiros e composteiros domésticos, así como aireadores, termómetros e tamizadores e actividades de formación. A estas actuacións destinaranse 9.728€ -8.755,2€ procedentes da subvención-, que se executarán neste e o vindeiro exercicio.

Moreda Gil destacou que estes investimentos suporán novos avances nun ámbito, o de xestión dos residuos, no que o goberno local ten traballado arreo nos últimos anos, entre outras actuacións, a través da compra de novos colectores e do reparto de composteiros domésticos, así como de campañas de sensibilización da poboación sobre a recollida separada ou sobre o prexuizo de tirar cabichas ou calquera outro residuo na rúa, porque a través dos sumidoiros poden ir directamente ao mar.

Tamén, recentemente, o Concello ten solicitado outra axuda dos fondos Next Generation para incorporar ao parque municipal de vehículos un camión que funcionará como un punto limpo itinerante e que vai mellorar a recollida de enseres nas diferentes parroquias.