Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ENTREGOU Á VECIÑANZA 30 NOVOS COMPOSTEIROS PARA UNHA MELLOR XESTIÓN DOS RESIDUOS

Continuando co seu programa de promoción da compostaxe doméstica, o Concello de Cedeira vén de repartir 30 novos composteiros á veciñanza. As persoas que se suman nesta quenda á iniciativa, acudiron o pasado día 5 a unha xornada na que, ademais de recoller os seus colectores, recibiron información sobre como facer o mellor uso deles.

Dende a Concellería de Medio Ambiente móstrase satisfacción pola boa acollida que sempre ten entre a veciñanza esta iniciativa, que se desenvolve dende o ano 2016 e suma xa máis de 240 familias implicadas na xestión sostible dos residuos.

Do mesmo xeito, comunícaselles a todas aquelas persoas que realizaron a solicitude e non obtiveron composteiro desta volta, que permanecen na lista de agarda para outra nova convocatoria de entregas que se prevé teña lugar en breve.

O programa de compostaxe doméstica avanza grazas ao cofinanciamento polo fondo europeo relativo ao mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, mediante as axudas convocadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que cubren un 90% dos custes de material, campañas de sensibilización e seguemento dos resultados.

Con esta acción, o Concello de Cedeira busca reducir a proporción de materia orgánica presente na bolsa do lixo, que en Galicia se atopa darredor do 40%, e avanzar cara un sistema de recollida e xestión de residuos máis axeitada e eficiente.