O CONCELLO DE CEDEIRA ABRE O PRAZO PARA AS ACTIVIDADES DIRIXIDAS AO COLECTIVO DA TERCEIRA IDADE

O Concello de Cedeira abre o prazo de inscrición para as persoas que desexen incorporarse ás actividades organizadas pola Concellería de Servizos Sociais para o colectivo da Terceira Idade cara á presente tempada. Son ximnasia terapeútica, baile activo e obradoiro de memoria.

Tal e como ocorrera nas pasadas edicións, os programas impartiranse tanto na vila como na zona rural, agás a actividade de baile activo, que só se levará a cabo na sala Áncora. Esta dará comezo o día 17 e será os luns, martes e xoves en horario de once a doce da mañá.

Ese mesmo día tamén botarán a andar os obradoiros de memoria. Neste caso, a vila acollerá a actividade os luns e venres en dúas quendas, pola gran demanda. Así, a primeira será ás 16.00 horas e a segunda, a partir das 17.30. Por súa parte, en Sisalde estes obradoiros serán os martes (16.00 horas) e mércores (17.15); en Montoxo, martes e xoves (17.15 horas), en Santalla, martes e xoves (18.30 horas), e en Esteiro (Saa), mércores e xoves, a partir das catro da tarde.

O programa de ximnasia terapéutica arrincará o próximo mércores, día 12, con clases ás 9.30 horas en Montoxo, ás 10.45 horas en Santalla e ás 12.00 en Cedeira. Esta actividade sempre será os mércores.

A concelleira de Servizos Sociais, Manuela López Rodríguez, invita á poboación maior a participar nun programa co que se quere evitar o illamento das persoas maiores, así como mellorar a súa condición física e mental. López Rodríguez apuntou que só terán que anotarse as persoas que se incorporan este ano ao programa e o terán que facer nas oficinas dos Servizos Sociais.