Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O ALUMNADO DO IES PUNTA CANDIEIRA REGRESOU CONTENTO DO “HIPERBARIC CHALLENGE” E CON GANA DE VOLVER

O equipo “Discalzos Racing Team” regresou co terceiro premio da categoría de Mellor Rendemento da XI edición do reto “Hiperbaric Challenge” que se desenvolveu a pasada fin de semana en Burgos. Vinte equipos de toda España chegaron á fase final deste desafío educativo despois dun curso enteiro traballando no proxecto de deseñar e construír un vehículo de inercia, incluíndo a procura de financiación e patrocinios e tamén a súa condución en carreira. Os rapaces e rapazas do IES Punta Candieira que participaron están contentos e pensando xa nun novo proxecto para a vindeira edición.

Un dos patrocinios máis importantes que conseguiron foi o do Concello de Cedeira, que financiou o desprazamento en autobús do equipo, porén hai que sumar unha longa relación de particulares, pequenos establecementos e empresas de diferentes sectores de Cedeira e a súa contorna que quixeron tamén impulsar o proxecto aportando fondos o materiais. Sheila Quiza Villadóniga, a coordinadora da parte económica do proxecto, comentou que “traballamos moito” ao longo do curso e confirmou que viñeron contentos, sobre todo tendo en conta que foi a súa estrea neste reto, e con gana de volver.

A Burgos desplazouse un equipo formado por 15 alumnos e alumnas do IES Punta Candieira e dous profesores. A primeira parte do reto consistiu en presentar o seu proxecto diante de todos os participantes e do xurado. Destacaron nesta sesión o feito de ser estudantes dos ciclos de Mantemento e Mecatrónica quen deseñaron e construíron o coche, dado que no instituto de Cedeira non se imparte ningún título da familia de Automoción. Tras a presentación viron as carreiras nun circuíto pendente abaixo e con moitas curvas desde o castelo de Burgos ata a céntrica praza Alonso Martínez. Pablo Aneiros Martín e Carla Fernández Rodríguez puxéronse ao volante do bólido nesta última fase dunha aventura que puxo a proba os coñecementos técnicos, a creatividade, o pensamento alternativo, a motivación e a capacidade de traballo en equipo de todos e todas as componentes do “Discalzos Racing Team”.