Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Alcalde pide a Feijóo que rectifique as súas declaracións sobre o cambio da rúa Manuel Fraga

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, mostra o seu “malestar e tristeza” nunha carta remitida ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, polas súas declaracións con respecto ao cambio do nome dunha rúa dedicada a Manuel Fraga Iribarne. Núñez Feijóo acusou ao goberno municipal de aprobar o asunto en medio da pandemia do Covid-19 e de buscar réditos políticos.

O rexedor municipal entende que o xefe do executivo galego, ao que pide unha rectificación pública “matizando as informacións”, incorriu nun erro ao non contrastar os datos facilitados polo portavoz do PP no Concello de Cedeira, Luis Rubido, polo que as súas afirmacións “nada teñen que ver coa realidade”. O alcalde considera que o responsable local do PP actuou coa única intención de “facerme un dano persoal tanto a min como aos veciños e veciñas de Cedeira” ao realizar “unhas declaracións maliciosas dando a entender que isto se fixo durante o estado de alarma”.

“A miña sensación de tristeza foi enorme ao escoitar nunha rolda de prensa ao presidente de todos os galegos/as facer unhas acusacións que non se corresponden coa verdade e que fixeron un dano moi grande tanto a min como á toda a veciñanza de Cedeira e sobre todo a miña familia”, asegura o rexedor nun parágrafo da carta enviada no día de hoxe a Núñez Feijóo.

Nela, Moreda Gil aclara ao presidente da Xunta que o pleno no que se tomou o acordo tivo lugar o día 9 de marzo, unha semana antes da declaración do estado de alarma, e que a decisión obedece ao cumprimento, a instancia do Senado, da Lei da Memoria Histórica, que obriga a retirar o nome dunha rúa que “lle foi adicada a Manuel Fraga como ministro de Información e Turismo do goberno de Francisco Franco. En ningún caso, segundo consta na carta, “a este alcalde se lle pasaría pola cabeza retirar o nome dunha rúa dedicada a unha persoa que foi elixida democraticamente como presidente da Xunta de Galicia, ademais de apuntar que a día de hoxe “en Cedeira existen varias placas que levan a seu nome durante o período que estivo ao fronte da Xunta”. Na devandita sesión plenaria tivo lugar o sorteo das mesas electorais para as eleccións previstas inicialmente para o día 5 de abril.

O alcalde ademais informa ao responsable do executivo galego de que o nome que substituirá ao de Manuel Fraga será o de Fraternidade, recollendo “o sentir da corporación municipal que aspira a resolver con paz o que noutrora foi ‘golpismo’, guerra e represión infinita”. Moreda menciona así mesmo que actualmente na vila existe a praza 18 de decembro para honrar ás persoas que como representantes do goberno municipal foron fusiladas nesa data no ano 1936.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, poñe de manifesto so seu compromiso “en corpo e alma polo benestar da veciñanza” durante este período de crise social, sanitaria e económica, ademais de colaborar coas forzas e corpos de seguridade do Estado, así como co persoal sanitario do Centro de Saúde “sen pensar en réditos de ningún tipo e sen facer ningún tipo de críticas á Xunta de Galicia, aínda sabendo que durante este tempo, agás o delegado territorial da provincia, ninguén se puxo en contacto comigo para preguntar pola situación dos nosos veciños/as… pero en ningún caso fixen ningunha crítica a Xunta porque non procede, nin sería eticamente correcto intentar sacar rédito político desta situación”.

Moreda Gil considera que “o compromiso dun alcalde é o de fomentar o diálogo e loita en común contra os efectos desta pandemia e fai alusión así mesmo na carta á mesa de diálogo, na que tomaron parte todos os grupos políticos con representación no Concello (PSOE, PP e BNG), para sacar adiante unha liña de axudas a autónomos, pymes e tamén de emerxencia social para axudar ás familias en situación máis vulnerable.

Para finalizar, o rexedor municipal convida al presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a visitar Cedeira “para que conoza realmente os problemas que compartimos todos os cedeirenses porque seguro que entre a administración que vostede preside e a que presido eu seremos capaces de sumar forzas para mellorar a calidade de vida da veciñanza da nosa fermosa e querida vila sobre todo nestes momentos tan difíciles para as súas familias”.

Para máis información:

Descarga Carta do alcalde

Descarga Certificado acordo plenario 9 de marzo de 2020

Descarga Convocatoria do pleno

Descarga Proposición cambio do nome da “RÚA FRAGA IRIBARNE” pasando a nomearse “RÚA DA FRATERNIDADE”,