Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Melloras de pasos de peóns e reparación de beirarrúas, dúas novas actuacións do Concello para optimizar a accesibilidade viaria

MELLORAS DE PASOS DE PEÓNS E REPARACIÓN DE BEIRARRÚAS, DÚAS NOVAS ACTUACIÓNS DO CONCELLO PARA OPTIMIZAR A ACCESIBILIDADE VIARIA

Dúas novas actuacións no ámbito da seguridade viaria son as que está a acometer o Concello de Cedeira na avenida de Castelao -principal acceso de entrada á vila- e na rúa Rosalía de Castro -travesía moi transitada e situada no centro urbano da localidade-, por tratarse dunha das prioridades do goberno municipal.

A obra que se está a executar na avenida Castelao pasa por mellorar tanto o seu estado actual como a accesibilidade de tres pasos de peóns situados nos puntos quilométricos 29+630, 29+715 e 29+794 da estrada AC-566. A obra, que foi contratada por importe de 5.657 euros (IVE incluído) á empresa Construcciones Rúa Floreal SL e que conta cun informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas, consiste na mellora das ramplas de acceso e na colocación de baldosas de cor vermello.

Pola súa parte, a intervención da rúa Rosalía de Castro consiste na reposición dun tramo de beirarrúas moi deteriorado, polo que será demolido para, a continuación, ser reconstruído coa instalación de 154 m2 de plaqueta e outros 75 máis lineais de bordo de granito. A empresa Prieto Mouriz SL está a ser a encargada da realización duns traballos contratados por 14.401 euros (IVE incluído).