JUANA CHEDA, JOSEFA NEBRIL E JOSEFA LEONARDO SON AS PREOGOEIRAS DAS FESTAS QUE ARRINCAN O VENRES

Só faltan dous días para o inicio oficial das festas de Cedeira, celebracións que se prolongarán por espazo dunha semana nunha vila na que xa hai moita presenza de visitantes, segundo apuntan desde o Concello.

O punto de partida será, este venres, a lectura do pregón que este ano estará a cargo Juana Cheda, Josefa Nebril e Josefa Leonardo, tres dirixentes da Asociación de Maiores de Cedeira. A entidade representa os intereses dos maiores de Cedeira, conta con 70 socios e e ten a súa sede na segunda planta do auditorio municipal.

O acto está previsto para ás 20.00 horas. O público ocupará a praza do Concello e as tres mulleres falarán desde o balcón da Casa do Concello no que estarán acompañadas de responsables do executivo local.

Durante a súa intervención, as mulleres tratarán de reavivar a memoria colectiva dos cedeirenses lembrando a riqueza patrimonial que deu lugar á Cedeira actual, chea de recursos e posibilidades tanto no social como no económico, e en continuo progreso. Juana Cheda como a Josefa Nebril e Josefa Leonardo iniciarán un diálogo entre elas, con moita sorna, para crear un ambiente divertido como inicio das festas patronais.

A continuación, o grupo Troula Animación protagonizará o primeiro pasarrúas e a Asociación de Comerciantes do Casco Vello organiza o concerto que, a partir das 23.00 horas, terá lugar na praza da Marieta e correrá a cargo da formación musical Novo Plan.