Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira utilizará o fondo de compensación ambiental para contratar persoal e investir no alumbrado e nos pasos de peóns

CEDEIRA UTILIZARÁ O FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL PARA CONTRATAR PERSOAL E INVESTIR NO ALUMBRADO E NOS PASOS DE PEÓNS

Tres son as actuacións que o Concello de Cedeira vén de solicitar este ano do Fondo de Compensación Ambiental, un programa dirixido a financiar obras e servizos públicos para a protección do medio ambiente.

Este tamén é o obxectivo que está detrás dos proxectos que Cedeira vai levar a cabo con cargo a un orzamento de 88.558 euros. As actuacións incluídas son a contratación durante un período de catro meses dun técnico de medio ambiente e seis peóns para tarefas de mantemento, promoción de zonas verdes e espazos naturais; continuar coa ocultación parcial dos colectores de lixo en nove puntos máis de recollida e mellorar a eficiencia enerxética dos farois públicos e iluminar os pasos de peóns situados na praza de Galicia, nas avenidas Area e Zumalacárregui e na rúa Cuartel.

As cuantías deste conxunto de proxectos están entre os 44.177,72 euros previstos para as contratacións laborais e os 8.097,32 necesarios para a obra dos colectores, pasando polos 36.283,06 euros que se investirán nas obras de iluminación. Con respecto a esta última intervención cabe apuntar que dará continuidade ás xa executadas nas avenidas Castalao e Area. Consistirá, polo tanto, na substitución de lámpadas de vapor de sodio por leds, no caso dos farois, e na instalacións de dispositivos, tamén led, para advertir aos condutores da presenza de peóns nas beirarrúas. Reducir a contaminación, disminuír a emisión de dióxido de carbono e un significativo aforro tanto económico como enerxético, ademais de aumentar en gran medida a seguridade dos peóns ao cruzar a estrada, son algúns dos beneficios contemplados nesta obra.