CEDEIRA TRASLADA AO MINISTERIO DE MEDIO AMBIENTE A INQUEDANZA QUE EXISTE NA VILA POLA DETERIORACIÓN DA PRAIA

O ALCALDE REUNIUSE EN MADRID CO SUBDIRECTOR GENERAL PARA LA PROTECCION DE LA COSTA, ÁNGEL MUÑOZ CUBILLO

O Concello de Cedeira trasladou a Madrid as demandas que o equipo de goberno e a Plataforma en Defensa da Ría teñen con respecto á praia da Madalena.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, vén de reunirse en Madrid co subdirector general para la Protección de la Costa do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, Ángel Muñoz Cubillo.

O encontro, que Moreda calificou de cordial, serviu para trasladar ao responsable do Ministerio a preocupación que existe na vila non só pola conservación do areal, senón tamén polo futuro da reserva mariña e dos bancos marisqueiros que hai na ría e dos que viven moitas familias.

O alcalde explicou ao subdirector xeral que, a pesar dos traballos que a Demarcación de Costas vén de realizar na zona, a praia está a sufrir danos e estragos que causan moita preocupación entre a veciñanza e os sectores que poden verse máis afectados polo súa deterioración, como son o pesqueiro e marisqueiro pincipalmente.

Ángel Muñoz confirmou a Pablo Moreda o xa adiantado polo xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, no sentido de comprometerse a incluír dentro dos orzamentos xerais do Estado deste ano a realización dun estudo de impacto ambiental para analizar as posibles que están a poñer en perigo a conservación do areal urbano da vila de Cedeira. Posteriormente, e en función dos resultados dadevandita avaliación, acometeriase o proxecto construtivo para a rexeneración ambiental da praia da Madalena.

No seu momento, o Concello e máis a Plataforma en Defensa da Ría elaboraron unha proposta, que posteriormente foi traslada e valorada pola Demarcación de Costas, na que están incluídos aqueles aspectos a ter en conta á hora de acometer a intervención definitiva. Así, o ámbito da actuación deberá incluír a completa restauración ambiental da praia e da súa zona posterior (desde a ribeira definida polo nivel inferior da pleamar nas mareas mortas ata o paseo marítimo), a retirada de material como pedras e entullos utilizados en pasados recheos e tamén evitar a manipulación da duna e o depósito de area por debaixo da marxe definida polas pleamares mortas.

A estas consideracións cabe engadir a demanda que existe tanto por parte do Concello como da Plataforma de participar na redacción do proxecto, non como técnicos, tal e como aclarou o alcalde, senón dando a súa opinión con respecto ás solucións a adoptar.