CEDEIRA INCREMENTARÁ CON DOUS TÉCNICOS MÁIS O CADRO DE PERSOAL DA
OFICINA DE TURISMO CARA AOS MESES DE VERÁN

A primeira escapada do ano deixou un saldo positivo na vila.

O cadro de persoal adscrito á oficina de turismo de Cedeira se verá reforzado este ano coa incorporación de dous traballadores eventuais ademais da técnica contratada de forma fixa. É o resultado da solicitude tramitada polo Concello ante a Deputación para financiar gastos de persoal vinculados a este tipo de servizos en municipios de menos de 50.000 habitantes. O importe da axuda ascende a 15.482,40 euros para as contratacións que se producirán cara á tempada de verán, segundo confirmou a responsable de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez.

Esta noticia vén de coincidir co balance da campaña de Semana Santa que, a pesar da adversa meteoroloxía, deixou bos resultados en canto á presenza de visitantes ao longo de toda a semana. Así o reflicten os datos recadados na mesma oficina de turismo, situada na avenida Castelao, pola que pasaron cerca de 300 viaxeiros para coñecer os puntos de interese e os recursos que visitar durante a súa estancia na vila.

O castelo da Concepción tampouco quedou atrás no que se refire á concorrencia de turistas. Durante os catro días nos que houbo visita guiada, pola fortaleza pasaron un total de 199 persoas, sendo a xornada do xoves a de maior afluencia con 61 visitantes. Entre os viaxeiros houbo xente de moi distinta procedencia. Así, ademais de moitos galegos de Vigo, A Coruña, Pontevedra e Zas, tamén coñeceron a fortaleza xente de Valladolid, Madrid e do País Vasco e visitantes extranxeiros de Italia, Sudáfrica e Italia, entre outros lugares.

Por último, o programa das Xeorutas tamén deixou un saldo positivo, xa que foron cubertas as 35 prazas ofertadas, as vinte da rota do Cromo e as 15 para baixar ata as Praias Negras.

O goberno de Cedeira fai un balance moi positivo desta primeira escapada do ano e confía en que a devandita tendencia se consolidará cara á tempada estival.