Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A CABALGATA DE PAPÁ NOEL VISITARÁ CEDEIRA ESTE SÁBADO

O trineo de Papá Noel comezará o seu percorrido por Cedeira este sábado, día 23, ás 18.00h desde o Centro de Saúde, desde onde encabezará unha cabalgata co famoso Rudolf, varios elfos, o Grinch e outros personaxes navideños. A comitiva, un ano máis organizada por Protección Civil, realizará un percorrido polas principais rúas do casco urbano de Cedeira, con animación musical e lanzando caramelos aos nenos e nenas que atopen ao seu paso. O paseo rematará na sala Áncora, na praza Roxa, onde Papá Noel recibirá ás crianzas que queiran entregarlle persoalmente as súas cartas.

Xa este venres, día 22, inaugurarase o parque de xogos que o Concello abre para as festas de Nadal no Polideportivo Municipal. De 16.30 a 20.30h, todos os días ata o 4 de xaneiro agás os festivos, haberá inchables e outras actividades a cuberto neste espazo. O sábado 23, o mesmo día da cabalgata de Papá Noel, funcionará o parque de xogos tamén pola mañá, de 11.30 a 14.00h. Xa despois dos festivos, os xogos volverán a abrir o martes 26, sempre con entrada de balde.

O CONCELLO DE CEDEIRA INAUGURA ESTE SÁBADO NO PALACETE A EXPOSICIÓN PERMANENTE DE RAFAEL USERO

O Concello de Cedeira vai inaugurar este sábado 23 de decembro, ás 13.00h, a Exposición Permanente da Colección Rafael Usero no Palacete Municipal. O concelleiro de Cultura, José Antonio Rodríguez, invitou á toda a veciñanza ao acto e a coñecer os obxectos que o Cronista Oficial da Vila foi recollendo ao longo dos seus anos como profesor de Historia no IES Punta Candieira e tamén despois, xa xubilado. Usero compartiu co alumnado as súas pescudas sobre o pasado da localidade, de maneira que nenos e nenas, e a través deles tamén as familias, involucráronse levándolle diferentes achados e pezas que estaban nas casas.

O concelleiro José Antonio Rodríguez recordou que o pleno da corporación cedeiresa aprobou xa no ano 2021 o acordo para poñer en valor a colección de Rafael Usero, cumprindo unha vella aspiración do profesor, e que o anterior goberno puxo en marcha, sendo concelleira de Cultura Ermitas García, a adecuación das dúas salas da planta baixa do Palacete Municipal para acollela, así como outras tarefas como o inventariado, a catalogación e a recuperación dalgunhas pezas. Subliñou que a mostra é unha construción colectiva de moitos veciños e veciñas de Cedeira, de todas as persoas que fixeron a Usero depositario destes obxectos.

Na colección ten particular peso a presencia de machados prehistóricos, ferramentas que se conservaron porque a xente lles atribuiu propiedades máxicas. Porén, a exposición reúne obxectos de épocas e natureza moi diferente, desde pezas cerámicas ou de madeira, algunhas delas procedentes de antigas igrexas parroquiais como por exemplo un frontal de 1718 do retablo da de San Román de Montoxo.

A exposición poderá visitarse no horario habitual da Oficina de Turismo, que ocupa tamén parte da planta baixa do Palacete Municipal: de luns a venres, de 09.00 a 14.30 e os sábados de 10.00 a 14.00h.

O POLIDEPORTIVO DE CEDEIRA TRANSFÓRMASE EN PARQUE DE XOGOS PARA TODA A FAMILIA DURANTE AS FESTAS DE NADAL

O Polideportivo Municipal de Cedeira transformarase de novo este Nadal no centro neurálxico do ocio e o lecer de veciñanza e visitantes, cunha chea de actividades e atraccións baixo cuberto e de balde para toda a familia. Esta proposta funcionará todas as tardes –agás os festivos- de 16.30 a 20.30h, con obradoiros e inchables e con outras propostas que irán variando.

A estrea do parque de xogos do Polideportivo será na tarde deste venres 22, de 16.30 a 20.30h, e excepcionalmente ao día seguinte, sábado 23 funcionará tamén en horario de mañá, de 11.30 a 14.00h. Xunto cos obradoiros e os inchables que estarán en funcionamento permanentemente e que serán atendidos por monitores e monitoras, nestas dúas xornadas instalarase un deslizador “Tubby Stream”, con dous esvaradoiros para pequenos e maiores.

O parque de xogos do Polideportivo contará nas tardes do 26 e o 27 cun tren eléctrico coa súa locomotora e vagóns nos que poderán subirse nenos e nenas. Para os máis intrépidos haberá un toro mecánico na tarde do 26 e un simulador de táboa de surf na do 27. Ao día seguinte, o xoves 28, abrirá as súas portas no pavillón un espazo de realidade virtual e “interactive wall”. O venres e o sábado, días 29 e 30 de decembro, chegará a quenda dos Battle Nerf Arena e a Barredora Wipeout.

Xa na estrea do ano 2024, os días 2 e 3 estará instalada no exterior do Polideportivo a atracción Tirachinas Jumping. O día 4 será o último no que funcionará o parque de xogos no pavillón e está previsto, para ese día, un circuíto de cars a pedais e outro de coches por radiocontrol. Desde o goberno municipal adiantan que esta programación podería variar, pero que se irá informando puntualmente a través da canle Cedeira Informa.
Xunto a todas estas propostas que se van desenvolver no Polideportivo, o goberno local promove dúas festas acuáticas xuvenís na piscina municipal. Serán os días 27 e 29 pola tarde, tamén de 16.30 a 20.30 e abertas a rapaces e rapazas a partir de 10 anos.

Para a noite de Fin de Ano o Concello ten organizada unha verbena na praza Roxa. Instalarase unha carpa e un escenario no que actuará a orquestra Origen a partir da unha da madrugada. Despois de que o pasado ano esta festa fora suspendida polo temporal e trasladada ao día 6, decidiuse desta volta programar dúas festas en ambas as dúas datas. Así, na noite do 6, a partir das 23.30h, haberá unha verbena de Reis na mesma praza Roxa que estará amenizada pola orquestra Olympus.

O programa de Nadal de Cedeira complétase coas cabalgatas de Papá Noel e dos Reis Magos, que o Concello organiza con Protección Civil. A primeira será o sábado día 23 e percorrerá as rúas máis céntricas da vila para rematar cunha festa na praza Roxa. Os tres magos chegarán o 5 de xaneiro e, tamén como adoita suceder, farán un itinerario polas rúas e despois irán ao Auditorio para recibir as cartas dos nenos e nenas. Esta emocionante tarde rematará cunha festa nas instalacións do CEIP Nicolás do Río, con chocolate e roscón.