“AS7PARROQUIAS” INFORMA NO SEU ÚLTIMO NÚMERO DAS CONTAS MUNICIPAIS E OS BAIXOS ÍNDICES DE DELINCUENCIA

Un novo número do boletín “As7parroquias”, editado polo Concello de Cedeira para ter informada á veciñanza, xa está na rúa. Trátase nesta ocasión dunha publicación chea de boas noticias, como son as que se refiren á economía municipal, ao éxito do segundo festival de música galego-portuguesa e á recuperación da afectividade que sempre existiu entre a vila de Cedeira e Cuba, grazas á viaxe que un grupo de veciños fixo a primeiros de ano á illa caribeña.

Este boletín tamén recolle a iniciativa do equipo de goberno de transformar o castelo da Concepción nun centro de intepretación do achado na excavación arqueolóxica do Sarridal, da posta en funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística e os baixos índices de delincuencia que sairon á luz con motivo da celebración da Xunta Local de Seguridade, unha xuntanza que non tiña lugar desde o ano 2007.

A recuperación da festa da rapa das bestas, as obrigas que se derivan da nova Lei de montes e a política do goberno municipal ao respecto da praia da Madalena son outras das noticias que tamén figuran nunha publicación que se reparte de maneira gratuíta entre toda a veciñanza.

View all newsletters "The 7 parishes"