A PROGRAMACIÓN CULTURAL DO PRESENTE TRIMESTRE ARRINCA O DÍA 20 COA
OBRA “DANZA DA CHOIVA” A CARGO DE ELEFANTE ELEGANTE

A programación cultural do Concello de Cedeira para o presente trimestre arrincará o próximo sábado coa representación da obra “Danza da Choiva” a cargo da compañía Elefante Elegante.

Trátase dunha peza gañadora do premio María Casares 2017 ao Mellor Espectáculo Infantil e a súa temática está de absoluta actualidade por abordar o que pasaría se de súpeto deixara de chover sempre. Os seus efectos cómicos, plásticos e poéticos advirten, divirten e fascinan ao público familiar e infantil a partir dos tres anos.

A representación dará comezo ás 19.00 horas, terá lugar no auditorio municipal e a entrada custará 2,5 euros. María Torres e Gonçalo Guerreiro son os autores dunha obra que tamén están a dirixir e a interpretar. A música é responsabilidade de Mano Panforreteiro, o deseño da iluminación de Dani Pais, a coreografía de Ánxela Blanco e o vestuario de Marcia Edleditsch.