Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A Praza Roxa acolleu onte unha actividade escolar da campaña municipal sobre o uso da rede de pluviais

O alumnado do CEIP Nicolás del Río saíu onte á rúa para informar á veciñanza de que “A ría de Cedeira comeza no sumidoiro”. A actividade, organizada polo Concello de Cedeira en colaboración co equipo docente do centro escolar, forma parte da campaña informativa pública sobre o peso que ten para a calidade ambiental da ría un uso responsable da rede de sumidoiros.

Os rapaces e rapazas sinalizaron os sumidoiros da praza Roxa co lema “A ría comeza aquí”, advertindo a transeúntes de que no caso de tirar lixo, cabichas ou baleirar auga sucia na rede de pluviais, estes restos acabarían directamente na desembocadura do río Condomiñas e mesmo na ría da localidade. Ademais, os pequenos educadores ambientais recordaron nos seus debuxos que hai que facer uso das papeleiras e dos colectores para reciclar cada tipo de residuo. A acción completouse co reparto de folletos e a colocación de carteles informativos contando coa colaboración dos establecementos situados na devandita praza.

Con esta campaña de educación ambiental o Concello de Cedeira pretende sensibilizar a veciñanza sobre a importancia de cambiar xestos habituais que teñen impacto sobre o medio ambiente e a necesidade de adoptar novas condutas que axuden a conservar o noso entorno.