Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A NOSA HISTORIA

lanzaroteAínda que a Serra da Capelada atesoura útiles de pedra pulimentada con máis de 4.000 anos de antigüidade que se teñen convertido no testemuño máis remoto que se coñece respecto á presenza do home neste país, temos que remontarnos ao século XI para certificar a existencia, á beira do mar, dun lugar coñecido como Cetaria. O mesmo que, co paso do tempo, sería o asentamento da actual vila de Cedeira. Esta xorde, posiblemente, na segunda metade do século XII e sobre ela exerce señorío algún membro da poderosa familia condal dos Traba. O poder das institucións eclesiásticas fai acto de presencia nestes momentos. Así, vastas extensións de terra cedeiresa engrosan o patrimonio dos mosteiros de Pedroso, Xubia, Sobrado e a orde de San Xoán de Xerusalén. Máis tarde, no século XIII, ocurrirá o mesmo co mosteiro de Oseira. Pero, sen dúbida, o máis significativo é que no mesmo século XIII, o peirao de Cedeira mantén xa relacións con outros portos alén dos mares. Por estas datas, a vila conta cun recinto amurallado e, no século XIV, constátase a existencia dunha fortaleza. Momento no que os habitantes de Cedeira pasan a convertirse en vasalos da Casa de Lemos. Unha situación que persistirá ata os primeiros anos do século XIX. Abunda a documentación en torno á época do Antigo Réxime e, nesta, pode apreciarse o día a día da sociedade: o duro traballo dos campesinos mareantes, os afáns de mercaderes e escribanos, as preocupacións de clérigos e fidalgos; a angustia de toda a comunidade ante os inimigos que atacan por mar; as cofradías, as festas relixiosas…

No século XVIII hai un punto de inflexión. Levántase o fortín da Concepción como resposta escarmentada a un ataque inglés e, mentras tanto, a poboación vai medrando, aínda que a mocidade abadona o campo para irse aos Arsenais de Ferrol, onde o traballo estaba mellor remunerado.

LA primeira metade do século XIX resulta nefasta. Baixa a poboación e síntense os efectos da guerra da Independencia. De quince parroquias que integraban a xurisdicción cedeiresa, oito pasan a formar parte doutros municipios. Entre elas, San Xoán de Moeche.

Na segunda metade dese século poderá recuperarse e abrirá novos espazos urbanos, a costa do mar. Funcionarán novas fábricas de salazón e cetáreas. Esta liña ascendente non se detén nos albores do século XX. Novas vías de comunicación irán achegando os vellos camiños reais. A vila ilumínase e o turismo fai a súa aparición.