Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

UNHA APOSTA POR DINAMIZAR E DESESTACIONALIZAR O OCIO XUVENIL NOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS DE CEDEIRA

O alumnado de 3º da ESO do IES Punta Candieira ten decidido xa cal é a proposta de gasto dos Orzamentos Participativos deste ano, os cuartos que se implementan no Concello de Cedeira. As súas voceiras e voceiros van presentala este venres diante do pleno da corporación para que se sexa incorporada ao programa de gasto municipal deste ano. Desta volta, os mozos e mozas configuraron un programa de actividades moi completo e variado que se vai desenvolver baixo o título “Cedeira Fest”.

A biblioteca do IES Punta Candieira acolleu o pasado xoves 16, coa presencia do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e do concelleiro de Mocidade, Noel López, a asemblea de votación das propostas que acadaran previamente a categoría de “viables”. Sometéronse á consideración do alumnado un total de 28 proxectos e saíron elixidos os 17 que integrarán o “Cedeira Fest. Programación para a Mocidade”. É a proposta final que se vai levar ao pleno do Concello e que, de saír adiante, requirirá 800€ máis dos 20.000€ inicialmente reservados para os Orzamentos Participativos.

O proxecto está composto das seguintes actividades: sesións DJ, colchóns de xogo na auga e na praia, festa da escuma, xogos populares, escape room, sesións de paintball, carpa de xogos de mesa, free style de diversas músicas, espectáculos casuais (charanga), escalada e orientación na Capelada; percorridos guiados pola vía ferrata, sesión de parkour, programa de danza contemporánea, taller de modelado e impresión en 3D, animación e creación de videoxogos, deseño de camisetas con vinilo e unha acampada nocturna no Centro de Ocio Xuvenil. A idea é que todas elas se repartan no tempo e contribúan a desestacionalizar a oferta de ocio para a mocidade de Cedeira.

A asemblea do pasado xoves foi o momento clave de toma de decisións dentro desta iniciativa, que deu comezo este curso escolar en xaneiro cunha serie de obradoiros nas aulas. Neles, os adolescentes adquiriron competencias sobre o funcionamento da administración, analizaron o territorio e identificaron problemáticas e carencias na vila, realizando “mapeos colectivos” e enquisas á poboación e ao resto do alumnado do centro escolar.

En edicións anteriores dos Orzamentos Participativos de Cedeira, o alumnado concernido no proceso elixiu a creación dun parque de calistenia, un ciclo de autocine, melloras na pista de Floreal e a incorporación de maquinaria deportiva no ximnasio municipal. Desde o goberno municipal destacan a escola de democracia que representa este proceso para a rapazada, que o toma con auténtico interese.