Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

REGRESA O PROGRAMA DE XEORUTAS DO XEOPARQUE MUNDIAL UNESCO CABO ORTEGAL PARA ESTE VERÁN

Como en anos anteriores, a asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal oferta un completo programa de XeoRutas para os meses de xullo, agosto e setembro, con un total de 16 itinerarios. O prezo é de 10€ por persoa e as reservas deberán de realizarse a través da web www.xeoparquecaboortegal.gal

Este domingo 14 dará comezo o programa de XeoRutas deste verán, abrindo a tempada un ano máis un dos itinerarios máis solicitados, o de Praias Negras. Xa na próxima semana se ofertan rutas como a da Mina Piquito, a XeoRuta do Cobre entre Moeche e Cerdido ou a XeoRuta do arsénico en Valdoviño. A partir desta semana e ata o 15 de setembro ofertaránse un total de 45 xornadas para descubrir de primeira man a relevancia xeolóxica deste territorio.

O programa de XeoRutas estará novamente conducido polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa, que será o encargado de explicar as formacións rochosas e materiais xeolóxicos que se atopan no territorio, así como os distintos procesos xeolóxicos que tiveron lugar ao longo de millóns de anos e deron lugar ás características propias e importancia a nivel xeolóxica.

Como recomendacións xerais sempre para este tipo de itinerarios, aconséllase levar calzado pechado que protexa os nocellos e que sexa apropiado para camiñar por sendeiros, protección solar – aínda que o día estea nubrado –, así como unha botella de auga e algo de comida para recuperar enerxías ao longo da saída.

En canto a dificultade dos itinerarios, existen xeorrutas aptas para todos os públicos e outras cun nivel de esixencia física un pouco máis elevado, como é o caso de Praias Negras ou a do Granate, ambas no concello de Cedeira. Para ampliar información sobre cada un dos itinerarios recomendamos dirixirse á web do Xeoparque (www.xeoparquecaboortegal.gal).

Ao longo destes tres meses de verán, ofertaranse case un total de 800 prazas, para todas e todos aqueles que queiran desfrutar dos motivos que levaron á UNESCO a declarar este territorio como un dos 213 xeoparques designados en todo o mundo.