Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PRESENZA DE TARTARUGAS EXÓTICAS INVASORAS NO RÍO CONDOMIÑAS

Dunha tempada a esta parte tense constatado a presenza de galápagos ou tartarugas alóctonas no río Condomiñas.

Na actualidade tense constancia da presenza desta especie en varios tramos do río, así como a aparición dalgún exemplar na propia praia.

Estas especies exóticas invasoras foron durante anos moi demandadas como mascotas, pero en algúns casos ao ir medrando moitos exemplares foron liberados ao medio natural polos seus donos, ata chegar a convertirse nun serio problema medioambiental (trátase de especies con gran adaptabilidade ao noso clima, sen depredadores e con gran facilidade de reprodución).

Estas tartarugas depredan diferentes animais acuáticos como poden ser anfibios ou alevíns de peixes, e tamén plantas, polo que causan un importante impacto ecolóxico.

Lémbrase que a solta no medio natural destes animais non só é un atentado medioambiental , se non tamén un delito. Dada a súa condición de fauna exótica invasora, ademáis tampouco se poden vender nin dar en adopción a outras persoas.

O concello atópase en trámites coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente para tomar medidas que axuden conter a súa proliferación.

Mentres tanto, faise un chamamento a aquelas persoas que localicen algún exemplar para que se poñan en contacto co concello, para a súa captura e o seu envío ao centro de recuperación de fauna silvestre.