Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Os veciños de Cedeira deixan de botar polo vertedoiro 4.000 quilogramos de aceite usado só no último ano

OS VECIÑOS DE CEDEIRA DEIXAN DE BOTAR POLO VERTEDOIRO 4.100 QUILOGRAMOS DE ACEITE USADO SÓ NO ÚLTIMO ANO

Os veciños de Cedeira foron quen de evitar a contaminación de máis de 4,5 millóns de litros de auga. É o resultado no último ano do plan de recuperación do aceite usado, para o que o Concello dispón dun total de nove colectores repartidos polo casco urbano da vila.

Segundo os datos barallados pola Concellería de Medio Ambiente, ao longo de 2017 foron recollidos un total de 4.100 quilogramos de aceite, unha cantidade que traducida a litros vén sendo uns 4.500. Estímase, segundo os expertos, que cada litro de aceite pode chegar a contaminar uns 1.000 litros de auga.

O equipo de goberno móstrase moi satisfeito por ter estes resultados pero tamén insiste en que “todo isto estase a conseguir co mínimo esforzo que significa depositar de cando en vez un recipiente no sitio axeitado en vez de tirar o seu contido polo vertedoiro”, segundo apuntou o responsable municipal de Medio Ambiente, Camilo Casal. O concelleiro explicou que, a nivel local, a recuperación do aceite garante o correcto funcionamento da estación depuradora, mentres que, nun plano máis xeral, tamén se evita a obstrución das tubaxes, se reduce a proliferación de organismos prexudiciais para a saúde e dalle unha segunda vida ao aceite cara á fabricación de biodiésel, un combustible ecolóxico que non ten xofre e apenas emite gases responsables do cambio climático.