Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O PLENO DE CEDEIRA APROBA POR UNANIMIDADE OS CUARTOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS ELABORADOS POLA MOCIDADE

A corporación do Concello de Cedeira aprobou o venres 24 por unanimidade o proxecto de Orzamentos Participativos deste exercicio, que chega por cuarto ano consecutivo da man da mocidade local. O alumnado de 3º de ESO do IES Punta Candieira implicouse durante todo o curso para aprender como funciona a administración municipal e decidir a que adicar o orzamento reservado para este proceso participativo, de entrada 20.000€. Finalmente serán algo máis, 20.800€, os fondos adicados a desenvolver o programa “Cedeira Fest”, que se encargaron de defender diante do pleno os estudantes Fernando Villar Gundín e Antonio Vilanovo Pedreiro.

O proxecto “Cedeira Fest” amosa os variados intereses da mocidade cedeiresa, desde actividades deportivas e de aventura ata concertos ou creación de videoxogos. Son un total de 17 propostas que van desenvolverse ao longo do ano e que contribuirán a desestacionalizar a oferta para o tempo de lecer.

Sesións DJ, colchóns de xogo na auga e na praia, festa da escuma, xogos populares, escape room, sesións de paintball, carpa de xogos de mesa, free style de diversas músicas, espectáculos casuais (charanga), escalada e orientación na Capelada; percorridos guiados pola vía ferrata, sesión de parkour, programa de danza contemporánea, taller de modelado e impresión en 3D, animación e creación de videoxogos, deseño de camisetas con vinilo e unha acampada nocturna no Centro de Ocio Xuvenil compoñen o programa aprobado polo pleno.

Un ano máis desde o goberno municipal destacouse que os Orzamentos Participativos representan unha auténtica escola de democracia e subliñaron o entusiasmo co que os sucesivos cursos do IES Punta Candieira acollen a iniciativa.