Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O GOBERNO LOCAL DE CEDEIRA ADXUDICA A SUBMINISTRACIÓN DO NOVO PUNTO LIMPO ITINERANTE

O Concello de Cedeira adxudicou a subministración dun punto limpo móvil que contribuirá a mellorar a xestión dos residuos do municipio. O contrato asinarase cun prezo de 19.311,60€ (IVE incluído) e cunha mellora sustancial no prazo de garantía, que abranguerá en total cinco anos. O goberno local tramitou unha axuda diante da Consellería de Medio Ambiente para financiar case na súa totalidade este equipamento, que na práctica suporá levar un punto limpo polas diferentes parroquias e puntos do municipio para facilitar á veciñanza o depósito dos residuos.

O punto limpo móvil irá nun remolque que se poderá acoplar a algún dos vehículos de titularidade municipal. Unha vez que estea en funcionamento, o Concello anunciará cando e onde estará estacionado en cada unha das parroquias para que a xente poida ir a deixar restos de pintura ou disolventes, tubos fluorescentes e outros residuos con mercurio, baterías e acumuladores, equipos eléctricos e outros materiais, a través das 14 bocas situadas nos seus laterais.

O obxectivo do Concello é seguir avanzando na mellora da recollida separada dos residuos. Xa existe un punto limpo no polígono da Xunqueira, ao que se poden levar enseres os mércores de 16.00 a 20.00 e os sábados de 10.00 a 14.00h, porén este novo servizo será itinerante e facilitará o depósito á veciñanza das diferentes parroquias. Cómpre recordar que tamén dispón Cedeira de recollida separada de envases lixeiros, papel-cartón e vidro, así como dun servizo de recollidas periódicas de residuos voluminosos porta a porta e colectores de roupa e de aceite de cociña usado.

Desde a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Cedeira confían en que este novo equipamento axudará a loitar contra o depósito incontrolado de lixo nos espazos naturais e recordan que todos e todas temos que tomar conciencia da importancia de coidar a contorna, entre outras cousas a través do depósito dos refugallos no lugar que corresponde