Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PROMOVE UN PROGRAMA DE VISITAS GUIADAS AO NÚCLEO DE SANTO ANDRÉ E Á CEDEIRA MARIÑEIRA

O Concello de Cedeira promove este verán un programa de visitas guiadas gratuítas polo núcleo de Santo André, por un lado, e pola vida e as tradicións mariñeiras da vila, por outro. Este próximo sábado 29 ponse en marcha un calendario de 23 visitas de aquí a setembro, 11 pola Cedeira mariñeira e 12 polo núcleo de Teixido, que correrá a cargo de Sergio Muíño, impulsor dos proxectos de desenvolvemento local e turístico Eu fun de vivo e Destino Cedeira.

O programa inaugúrase este sábado 29, ás 11.00h, coa visita guiada “Cedeira e o mar”. O punto de encontro será o Palacete Municipal, onde está a oficina de turismo, e o percorrido prolongarase durante preto de dúas horas, nas que os participantes coñecerán o patrimonio mariñeiro da localidade, tanto o actual como o que xa non se pode ver, como as antigas fábricas de salazón, o vello malecón ou o secadeiro de redes.

As visitas “Cedeira e o mar” serán, ademais deste sábado, os días 7, 12, 21 e 28 de xullo; 4, 11, 13, 15 e 16 de agosto e 15 de setembro, sempre ás 11.00 e con saída desde o Palacete.

O sábado 6 de xullo será a primeira visita a Santo André, na que o punto de encontro será a marquesiña do autobús, á entrada ao núcleo de Teixido, tamén ás 11.00 horas. O percorrido durará unha hora e durante o mesmo falarase da historia, as tradicións e lendas ligadas a este singular lugar, así como da vida da xente e a organización do territorio e sobre curiosidades da contorna.

Neste caso, as visitas a Santo André de Teixido serán os días 6, 13, 20 e 27 de xullo; 3, 10, 12, 14 e 18 de agosto, e 14, 22 e 29 de setembro.

As persoas interesadas deberán inscribirse en cada unha das visitas durante a semana anterior a cada unha, ben a través do formulario online habilitado –ao que se pode acceder desde o QR dos carteis- ou ben enviando unha mensaxe por Whatsapp ao número 660 05 83 48. O calendario pode estar suxeto a cambios, dos que se informará a través da web do Concello e a canle de difusión por Whatsapp Cedeira Informa, así como nas redes sociais de Eu fun de vivo e Destino Cedeira.
inscricións: https://forms.gle/8eFZzF9maVUAKxsK9