Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO OFRECE VISITAS GUIADAS GRATUÍTAS POLO CASTELO DA CONCEPCIÓN

O Concello de Cedeira ofrece visitas guiadas durante este mes de xullo e agosto para coñecer o Castelo da Concepción. Haberá dúas quendas diarias de luns a venres: unha ás 12 e outra ás 18 horas, e os sábados ás 12 horas. A actividade é gratuíta e non se necesita inscrición previa.

Con estas visitas o Concello pretende ofrecer a turistas e locais a oportunidade de coñecer en profundidade esta fortificación do século XVIII que foi construída polos veciños a raíz dun ataque da frota inglesa. A poucos metros de onde se atopa o Castelo da Concepción tamén pode visitarse o castro de Sarridal, que está en proceso de escavación, e que segundo os últimos achados, estivo habitado desde o século V a.C. ata o IV d.C

No centro de interpretación do castelo expóñense obxectos atopados durante as escavacións e unha mostra sobre a historia de Cedeira nos séculos XVIII e XIX. Entre as pezas do castro, destaca unha moeda romana co rostro de Vibia Sabina, muller do emperador Adriano, datada no I a.C.

As instalacións do castelo poden ser visitadas en xullo e agosto en horario de 10.30 a 14 horas e de 17 a 19 horas, de luns a venres. E os sábados de 10.30 a 14 horas.

Ademais, a oficina de Turismo (Palacete Municipal, avenida de Castelao s/n) adapta o seu horario á época estival. Está aberta de 9 a 14.30 horas e de 15 a 21 horas de luns a venres; de 9 a 14.30 horas e de 16.30 a 21 horas os sábados; e os domingos e festivos de 10.30 a 13 horas.