Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ENTREGA AO CEIP NICOLÁS DO RÍO 25 ACEVOS COINCIDINDO CO DÍA DO NATURALISMO GALEGO

O Concello de Cedeira fixo entrega esta semana de 25 acevos ao CEIP Nicolás do Río, con motivo do Día do Naturalismo Galego que se celebra este 9 de marzo. A iniciativa, que se realiza grazas á colaboración do profesor Rafael López “Calel”, vai dirixida a implicar a todo o alumnado do centro no cuidado destas árbores ata o vindeiro 5 de xuño, o Día do Medio Ambiente, cando se programará unha saída con eles para facer a súa plantación.

Ata o colexio achegáronse, para facer entrega de todos os testos coas árbores, o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e o primeiro tenente de alcalde, José Antonio Rodríguez Arribe, xunto cos concelleiros de Educación, Noel López, e Medio Ambiente, Ismael Durán. Tal e como destacaron, o acevo, tamén chamado acivro, é unha árbore moi coñecida en Galicia e que ata o ano 2018 estivo protexida. A través dela, esta iniciativa pretende “reivindicar o noso ecosistema e o coñecemento deste, así como sensibilizar ás crianzas sobre o coidado do medio ambiente”.

Os representantes do goberno local recordaron que o Día do Naturalismo Galego é unha data instaurada recentemente a proposta da Real Academia Galega de Ciencias e o Consello da Cultura Galega e que está moi vencellada a Cedeira polo traballo do profesor Rafael López Loureiro, “Calel”, que traballou moi activamente para o recoñecemento desta data en homenaxe ao Pai Martín Sarmiento, un frade bieito do século XVIII.

O Concello de Cedeira agradeceu a colaboración da dirección do colexio e moi expresamente a de Rafael López Loureiro, tamén presente na entrega dos testos e que foi quen doou os acevos.