Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA VOLVE APOSTAR POLO TECIDO ASOCIATIVO CONVOCANDO AXUDAS POR 120.000€

O Concello de Cedeira ten aberto ata o vindeiro 12 de agosto o prazo de solicitude das axudas para entidades socioculturais, por unha banda, e para clubes e asociacións deportivas, por outra. Estas dúas convocatorias viron incrementada a súa dotación nun 66% no exercicio 2023 ata sumar 120.000€, a mesma contía que se vai repartir este ano. Desde o goberno local destacan que estes programas son un apoio fundamental para impulsar o rico e diverso tecido asociativo que ten a localidade de Cedeira.

A convocatoria para entidades do ámbito sociocultural conta cunha dotación de 60.000€ que, ao igual que o ano pasado, se reparte no capítulo de actividades (45.000€) e investimentos (15.000€). O primeiro vai destinado a apoiar os gastos de funcionamento, desprazamentos, persoal, seguros e todo o que é preciso para o día a día das entidades e todas as súas propostas, mentres que o segundo está orientado a que poidan mercar diferentes materiais inventariables que fan posible ou melloran o seu labor.

As bases establecen os criterios puntuables para a concesión das axudas, entre os que está o número de socios, antigüidade, instalacións, desenvolvemento de actividades nas parroquias, participación feminina, contratación de persoal, fomento da inclusión social, colaboración con outras entidades da localidade ou co Concello, uso da lingua galega…
A mesma contía teñen as axudas destinadas a entidades deportivas, tamén repartida entre os 45.000€ para actividades e 15.000€ para investimentos. O primeiro apartado servirá para sufragar, entre outras cousas, gastos de compra de trofeos, desprazamentos, aluguer de pistas deportivas, gastos federativos, arbitraxes, nóminas de persoal técnico e materiais de difusión de competicións…, mentres que o segundo permitirá ás entidades mercar materiais inventariables ligados á súa práctica deportiva por importe unitario igual ou superior a 100€.

Como no caso anterior, o Concello aplicará un baremo de condicións obxectivas para a concesión das axudas. Valorarase o número de nenos e nenas que toman parte nas escolas de base, a participación feminina, a organización de competicións, a antigüidade do club, o número de deportistas federados, o número de técnicos, o menor importe da cuota mensual, o uso da lingua galega, a colaboración con outras entidades do municipio ou o emprego da lingua galega, entre outros criterios.

No exercicio pasado, as axudas para entidades socioculturais chegaron a 15 asociacións de Cedeira e as do programa de deportes repartíronse entre 9 clubs.

Tamén publicouse hoxe no BOP a convocatoria de axudas para comisións de festas, ás que o Concello de Cedeira destina 4.000€. Os fondos repartiranse a partes iguais entre as solicitudes que se presenten a cumpran as condisións esixidas. O prazo para solicitalas estará aberto ata o día 13 de agosto.

Link á convocatoria para entidades socioculturais: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/07/15/2024_0000004923.pdf
Link á convocatoria de entidades deportivas: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/07/15/2024_0000004920.pdf
Link á convocatoria para comisións de festas: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/07/22/2024_0000005168.pdf