Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MÁIS DA METADE DO ALUMNADO DO CURSO DE SERVIZO DE BAR E CAFETERÍA PROMOVIDO POLO CONCELLO DE CEDEIRA ACADOU UN CONTRATO DE TRABALLO

Máis da metade do alumnado que durante o mes de xuño participou no curso gratuíto de Servizo de bar e cafetería organizado polo Concello de Cedeira acadou un posto de traballo ao rematar a formación. Así, das dez persoas inscritas na acción, seis están xa a traballar no sector, mentres que outras dúas poderían incorporarse tamén proximamente ao mercado laboral.

Estas cifras dan conta do éxito da actividade promovida desde a Concellería de Promoción Económica e Emprego, cuxo obxectivo principal era precisamente capacitar a persoas desempregadas para o traballo no sector da hostalería, cunha alta demanda de persoal.

Durante un mes, o alumnado, que amosou un grande interés durante o desenvolvemento de toda a formación, tivo oportunidade de adquirir coñecementos e destrezas sobre as principais cuestión relacionadas co servizo á clientela nas mesas ou na barra, a preparación e presentación das diferentes bebidas, aspectos vencellados á xestión dos negocios de hostalería e normas de seguridade e hixiene. As clases foron impartidas na Confraría de Pescadores, de luns a venres en horario de 16.00 a 21.00 horas, sumando un total de 110 horas teórico-prácticas. Todo o alumnado inscrito no curso rematou a formación.

Este curso enmarcase na aposta do goberno local de Cedeira polo emprego, impulsando a capacitación de persoas desempregadas que terán, a través da formación, mellores condicións para acceder a postos de traballo en sectores demandantes, como neste caso a hostalería.