Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA PROSEGUE CO SEU PLAN DE RECUPERACIÓN DE LAVADOIROS COAS OBRAS DOS DA PENELA E DO PENEIRO

O Concello de Cedeira vai acometer, en parte con cargo ás axudas para a corrección de impactos paisaxísticos da Xunta de Galicia, a rehabilitación dos lavadoiros da Penela e do Peneiro. Os traballos teñen un orzamento de 33.834,64€ (IVE incluído) e a subvención concedida é de 20.000€. Con esta intervención dará un novo paso adiante o programa de recuperación destes elementos singulares da arquitectura popular no municipio, que nos últimos anos xa rescatou do abandono as fontes da Barca, das Saíñas, Fernando Lago, do Areal, de Vilar e de Vila do Río.
Neste caso trátase de rehabilitar e acondicionar o lavadoiro de Penela, no lugar de Muruxás (San Xulián de Montoxo), e a fonte e lavadoiro do Peneiro, no Beco (San Cosme de Piñeiro). Ambas as dúas estruturas son de formigón e están moi deterioradas, con fendas que mesmo ameazan a súa seguridade estrutural e que cómpre corrixir.
Os traballos, nos dous casos, van consistir na limpeza da vexetación e os paramentos, pavimentos e os propios lavadoiros, que presentan fendeduras e outros desperfectos. O lavadoiro do Peneiro ten un teito de placas de fibrocemento, que se vai cubrir con tella do país, mentres que o do Peneiro ten un tellado de formigón e lousa moi deteriorado que vai ser preciso picar para ver o estado da armadura e ben sustituila ou ben reparala. A obra incluirá tamén nas dúas fontes o cambio dos caños e a renovación dos morteiros, así como a colocación dun chapado de pedras irregulares do país no chan e parte dos paramentos verticais do seu interior.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, subliña a importancia que ten coidar e conservar os lavadoiros, espazos de convivencia para moitas xeracións de veciños e veciñas de Cedeira e que, nalgúns casos como é o da Penela, seguen a ter na actualidade moita importancia na vida da parroquia das parroquias. O rexedor explicou que son actuacións custosas e que o Concello vai afrontando na medida das súas posibilidades, pouco a pouco, polo que pediu paciencia á veciñanza.