Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

A Xunta fai efectivo o acordo co concello para investir máis de 700.000 euros na rede de saneamento

A XUNTA FAI EFECTIVO O ACORDO CO CONCELLO PARA INVESTIR MÁIS DE 700.000 EUROS NA REDE DE SANEAMENTO

No marco do convenio de colaboración asinado entre o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil,e a concelleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, en xullo de 2016 para tratar de mellorar o tratamento de augas residuais no municipio, Medio Ambiente anunciou onte, a través do Diario Oficial de Galicia, a licitación da primeira fase do proxecto de intervención na rede municipal de saneamento da localidade.

Con cargo a un investimento de 733.650,71 euros -cantidade que será aportada entre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente- acometerase a construción dunha nova red separativa de pluviais a fin de liberar os actuais colectores para o transporte exclusivo das residuais. Esta intervención completarase coa reposición dun tramo do colector que parte do polígono industrial da Xunqueira e descorre en paralelo á ribeira co río. Desta maneira, trátase de evitar posibles filtracións ao terreo e aos pozos existentes na zona. O prazo de execución previsto é de nove meses e as empresas que poidan estar interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o día 19 do próximo mes de outubro.

O equipo de goberno de Cedeira, que valora moi favorablemente a decisión adoptada pola Xunta, recorda que un dos obxetivo do executivo local para o presente mandato é mellorar o funcionamento da rede de separativa na vila e dotar de saneamento ás parroquias para así contribuír á conservación do medio ambiente e incrementar a calidade de vida da veciñanza.

Esta política, que este ano xa deu lugar á mellora realizada na rúa As Pontes de García Rodríguez, supón unha inversión no seu conxunto de 1.133.500 euros, unha cantidade destiñada á execución dun total de cinco grandes proxectos. Ademais do xa executado, están incluídos os que levarán a cabo nas Pontigas, en Casal de María e Vila do río e nas rúas Paz, Silva e Floreal.

Unha cedeirense recada fondos para a protectora ferrolá Cometa cun paseo solidario canino

UNHA CEDEIRENSE RECADA FONDOS PARA A PROTECTORA FERROLÁ COMETA CUN PASEO SOLIDARIO CANINO

O cuarto paseo solidario canino organizado por Jésica Cáceres, auxiliar da clínica veterinaria cedeirense MAC, desenvolverase o sábado co obxectivo de recadar fondos para a protectora ferrolá Cometa. A camiñada partirá ás 17.30 horas da Alameda e discorrerá polo paseo marítimo ata o chiringuito. Os participantes colaborarán coa compra dunha merenda -unha ración de torta e un refresco-, por 3,5 euros, ademais de ter a opción de adquirir rifas a dous euros para o sorteo de varios artigos doados por comercios da vila. A artífice desta iniciativa agradece a axuda prestada polas tendas e tamén polas panaderías e os negocios de hostalería, que achegaron doces e bebidas para a xornada.

Cáceres contará co apoio de integrantes da asociación Cometa, que recibirán o diñeiro recadado nada máis finalizar os actos programados para o sábado. Con esta marcha solidaria, ademais de solicitar apoio económico para o colectivo, pretende concienciar aos veciños da importancia da protección dos animais.

Fonte: La Voz de Galicia
Pode consultar a nova na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Unha cedeirense recada fondos para a protectora ferrolá Cometa cun paseo solidario canino

O Concello de Cedeira insiste na necesidade de mellorar os resultados da recollida selectiva

O CONCELLO DE CEDEIRA INSISTE NA NECESIDADE DE MELLORAR OS RESULTADOS DA RECOLLIDA SELECTIVA

O Concello de Cedeira está a levar a cabo unha campaña de sensibilización entre a veciñanza para apostar pola separación de lixo en orixe coa fin de mellorar os resultados que se están a dar e de tratar de rebaixar costes á administración local.

Esta iniciativa consiste na distribución en comercios, entidades e vivendas dunha publicidade na que se recorda que hai que separar ben para reciclar mellor e que a colaboración de todos é un xesto solidario a prol da comunidade e do medio ambiente.

Esta medida tamén coincidiu coa celebración a pasada fin de semana dunha nova campaña de limpeza do río Condomiñas, a terceira que se realiza en dous meses. A pesar das dúas anteriores, o labor voluntario de veciños e socios da Asociación Amigos dos Ríos volveu a sacar á luz tubos de escape, tambores de lavadoras e moitos máis obxectos enferruxados que ata agora se atopaban no leito do Condomiñas. Desde a concellería de Medio Ambiente anuncian que haberá máis iniciativas como as xa realizadas.