Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

CEDEIRA E VALDOVIÑO REXEITAN A SIMPLISTA EXPLICACIÓN DA XUNTA Á CONTAMINACIÓN DOS BANCOS MARISQUEIROS

Os alcaldes de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e Valdoviño, Alberto González Fernández, declaráronse “sorprendidos” polo comunicado difundido onte pola Delegación Territorial da Xunta de Galicia no que se sitúa a orixe dos altos niveis de contaminación detectados nos bancos de produción marisqueira en dous focos da rede de saneamento municipal de Cedeira. Moreda Gil explicou que son dúas fugas puntuais, que por suposto van ser reparadas, pero que non explican en absoluto o resultado das análises. “É bastante máis importante o feito de que a zona de Portos non teña feito as obras de saneamento, que levamos demandando tanto tempo”, sinalou o rexedor local.

Lamentou Moreda Gil que dunha reunión que se desenvolveu nun ton cordial e con vontade construtiva saque a Xunta a única conclusión de “botar balóns fóra”. O alcalde de Cedeira asegurou que no encontro que mantiveron representantes dos concellos e das propias mariscadoras coa delegada territorial, Martina Aneiros; coa directora do Intecmar, Covadonga Salgado; co presidente de Portos, José Antonio Álvarez, e co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, falouse de colaborar para ver de acabar cuns picos de contaminación que, tal e como se puxo de manifesto, non parecen ter un único foco. A falta de saneamento nos peiraos e as escorrentías procedentes de granxas estiveron entre as causas que se trataron na reunión, “máis relevantes que os dous puntos da rede de saneamento municipal, pese a que a Xunta preferiu pasalos por alto e apuntar únicamente a Cedeira”.

Pediu Moreda Gil máis seriedade para abordar este problema, que ten provocado o cambio de clasificación microbiolóxica dos bancos marisqueiros de Cedeira e Vilarrube. Agora son zonas C, o que supón un prexuizo moi importante para o sector marisqueiro, recordou o alcalde, que aludiu tamén á clasificación de “excelente” que acadaron as augas do litoral cedeirés nos últimos anos, como consecuencia directa do enorme esforzo realizado polo Concello na mellora do sistema de saneamento e na implantación da rede separativa.

Pola súa banda, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, demanda da Xunta un estudo en profundidade da conca dos ríos Ferrerías e As Mestas, de modo que se realicen as analíticas pertinentes coas que descartar posibles afectacións no marisqueo derivadas de focos de contaminación nestas áreas. O rexedor lembrou que no ano 2019 actívase a alerta de contaminación por cianobacterias no encoro das Forcadas, que se nutre de Ferrerías, e que dende entón os niveis de contaminación non fan máis que medrar ano tras ano, obrigando á suspensión de actividades no embalse e mesmo o baño.

Ademais, As Mestas desemboca no areal de Vilarrube, zona de traballo das mariscadoras. Co obxecto de descartar unha posible relación entre ambos episodios úrxese ese estudo analítico en profundidade por parte da Administración autonómica, xa que conta con todos os medios e recursos, ademais da competencia, para facelo.

UNHA XORNADA DE DANZA E UN ESCAPE ROOM ABREN O “CEDEIRA FEST” XURDIDO DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

O programa de dinamización “Cedeira Fest” saído da cuarta edición dos Orzamentos Participativos do Concello de Cedeira arranca este domingo, 16 de xuño, con danza. Baixo o título “Cedeiranza” programouse unha xornada con dous obradoiros pola mañá, nos que non se precisan coñecementos previos, e tres espectáculos pola tarde. A inscrición está aberta a través do Whatsapp no número 649 87 66 14.

Os obradoiros de aprendizaxe serán pola mañá na Sala Áncora, ás 11.00 e ás 12.30h. A compañía de danza La Guajira, integrada polos bailaríns Armando Martén e Ana Beatriz Pérez xunto co músico Ismael Berdei, encargarase de impartir o primeiro, que leva por título “Zona de recreo”. O segundo obradoiro correrá a cargo de Elahood, grupo integrado por Sabela Domínguez e Julia Laport, e será unha introdución ás danzas urbanas e particulamente ao estilo chamado “waacking”. A participación nestas actividades non require ter formación previa de danza. O único que se pide é acudir con ropa cómoda e que permita o movemento.

Xa pola tarde, na praza Roxa, sucederanse tres espectáculos de baile, cada un deles de menos de vinte minutos de duración, a partir das 19.00 horas. Elahood actuará en primeiro lugar, co seu espectáculo “Intempestiva”. É unha proposta escénica inspirada na figura de Xela Arias e que xira arredor da desobediencia, da liberdade e da axitación creativa das novas xeracións. A continuación chegará a quenda de La Guajira, que ofrecerá “Minguantes”, unha peza arredor do envellecemento, de como o corpo é unha máquina con data de caducidade. Para rematar, o bailarín Daniel Rodríguez presentará “A raíz de”, un diálogo entre a música, o canto e a danza tradicional galega coa contemporaneidade.

Para o vindeiro 21 de xuño, o último día de clase, está programada a segunda proposta do “Cedeira Fest”. Será un “Escape Room-Noite Meiga” no que equipos de catro ou cinco rapaces e rapazas –os menores de 12 anos terán que ir acompañados dun adulto- xogarán a superar probas e retos relacionados coas tradicións e lendas máis misteriosas de Galicia. Quen queira participar ten que inscribirse no Centro de Ocio Xuvenil, ben presencialmente ou ben a través do mail coxcedeira@gmail.com.

O programa “Cedeira Fest” que aprobou o pleno de Cedeira no marco dos cuartos Orzamentos Participativos abranguerá en total 17 propostas diferentes, culturais, deportivas e de ocio, dirixidas a desestionalizar e dinamizar o tempo de lecer da mocidade da localidade. O programa foi artellado polo alumnado de 3º de ESO do IES Punta Candieira, ao que sucesivamente cada ano se lle confía o proceso de decidir o que se fai cos presupostos de participación.

O CONCELLO DE CEDEIRA DENUNCIA OS GRAVES RETRASOS QUE SOFREN OS CONTROIS DE PACIENTES ONCOLÓXICOS

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, ten solicitado á Consellería de Sanidade unha reunión urxente co seu titular, Antonio Gómez Caamaño, e coa xerente da Área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López Crecente, para tratar a preocupante situación que están a sufrir os pacientes oncolóxicos do municipio. Segundo expón o rexedor no escrito dirixido a Sanidade, as citas para as probas radiolóxicas de control destes doentes están a acumular retrasos de ata catro e cinco meses cando os facultativos establecen que hai que realizalas cada tres.

As persoas afectadas en Cedeira acudiron ao goberno local despois de ter presentado sucesivas reclamacións, tanto dos mesmos doentes como dos propios médicos, que non recibiron como resposta máis que o acuse de recibo e unha sucinta explicación aludindo a que os retrasos se deben ao gran número de exploracións solicitadas e á capacidade actual do servizo. Coinciden os pacientes en sinalar que os problemas se presentan desde xaneiro pasado, dado que con anterioridade, mesmo durante a pandemia, a atención sempre fóra puntual.

Tal e como explican as persoas afectadas, mentres que o diagnóstico está colapsado, a enfermidade non para. Cómpre recordar que a realización periódica dun TAC é a fórmula precisa para detectar precozmente se existe recurrencia da enfermidade, de maneira que o retraso na realización da proba supón, na práctica, que en moitos casos xa non se poda reaccionar a tempo.

O goberno local de Cedeira remitiu o seu escrito a Sanidade o pasado día 3 e este luns chegou resposta indicando que os representantes municipais serán recibidos pola xerente da Área Sanitaria, María Fernanda López Crecente, en data que aínda está pendente de fixar.