Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

CEDEIRA ACOLLEU DURANTE DOUS DÍAS A ODONTÓLOGOS DE TODO O PAÍS QUE ACUDIRON Á REUNIÓN ESTIVAL DA SEOENE

Cedeira foi a localidade elixida pola Sociedade Española de Odontoestomatoloxía para pacientes con Necesidades Especiais (SEOENE) para celebrar a súa reunión de verán, unha xuntanza que a entidade adoita organizar nos anos nos que non celebra o seu congreso bianual. Corenta especialistas participaron no evento, que tivo unha parte científica, coa presentación de varias ponencias no Auditorio Municipal, e outra lúdica na que aproveitaron para realizar varias visitas guiadas e para gozar coa calidade da gastronomía local.

Segundo explicou o doutor Iván Varela, do comité organizador, a Seoene ten como obxetivo primordial traballar para mellorar a atención odontolóxica de pacientes fráxiles, difíciles por diferentes motivos, así como darlle visibilidade ao colectivo, e promover a formación dos profesionais.

O goberno local de Cedeira celebrou que o colectivo elixira a vila para celebrar esta reunión profesional e sinalou que este tipo de encontros representan un estímulo para a economía local e unha oportunidade para divulgar os atractivos turísticos da propia localidade e do Xeoparque Cabo Ortegal.

A ÚLTIMA ESCAVACIÓN EN CASTRO SARRIDAL DESCUBRIU NOVAS ESTRUTURAS CASTREXAS BAIXO O NIVEL DO FORNO

O equipo de Axa Arqueoloxía rematou esta semana a última campaña de escavación no Castro Sarridal coa satisfacción de ter feito novas descubertas que confirman a importancia do xacemento e a súa ocupación durante case mil anos, desde o século III ou IV a.C. ata o V d.C. Segundo explicou o director dos traballos, Emilio Ramil, desta volta levantouse unha superficie duns 50 metros cadrados ao norte do monumento con forno, onde quedaron á vista partes de varios muros castrexos, nun nivel de ocupación inferior sobre o que se produciu unha reocupación, construíndo un valado que podería corresponderse coa época do forno e que tería a función de separar o espazo desta edificación singular coas zonas domésticas do poboado.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o primeiro tenente de alcalde, Xosé Antón Arribe Rodríguez, xunto con máis edís do goberno municipal, participaron esta semana na última das visitas ao xacemento programadas durante esta campaña para coñecer de primeira man estes avances. O arqueólogo Emilio Ramil explicou nela os diferentes niveis de ocupación que se teñen descuberto nas sucesivas escavacións.

Nesta última, quedaron á vista uns muros prerrománicos feitos coa argamasa amarela dos castrexos e viuse como sobre eles están asentadas as construcións posteriores, supostamente da mesma época na que se fixo o monumento con forno que o Carbono 14 situou no ano 230 a.C. Cómpre recordar que noutra campaña anterior atopáronse tamén restos dunha construción de uso comunal tardoantiga, da época que corresponde coa entrada dos visigodos e a cristianización. Xunto coas estruturas castrexas apareceron tamén pezas de cerámica de produción local, da mesma época. Tamén puido comprobarse a continuación cara ao cantil do desaugadoiro da sauna, unha canle que vai por debaixo do forno e que permitía vaciar a piscina.

Esta última campaña de escavación foi financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio, organismo que desde o inicio dos traballos arqueolóxicos, no ano 2017, vén alternándose co Concello na promoción das diferentes actuacións.

O alcalde, Moreda Gil, subliñou unha vez máis a importancia de coñecer o pasado e coidar este patrimonio importantísimo para a historia de Cedeira, e apuntou que o Concello traballa para poder levar adiante unha próxima campaña pola zona do camiño peonil que pasa xunto ao xacemento. É unha intervención custosa porque vai requirir a realización dunha ponte que garanta o paso durante o levantamento do terreo, de maneira que a administración municipal está a estudar a procura de financiamento a través da Deputación Provincial.

ONDE VAI?

Baixo esta denominación, Sogama, ten habilitado desde xaneiro deste ano un buscador web co que pretende axudar á cidadanía a resolver as súas dúbidas, en tempo real, sobre o correcto depósito dos refugallos que se xeran a diario. A esta ferramenta en liña pódese acceder tanto desde o móbil como desde un ordenador, premendo no seguinte enlace: Onde vai?

https://ondevai.sogama.gal/ga

Moitas veces temos dúbidas sobre que refugallos botar en cada contedor ou empregámolos de maneira inapropiada por descoñecemento.

Non facer unha correcta separación do lixo dificulta, ou nalgúns, caso impide o seu posterior axeitado tratamento ou reciclaxe.

“Onde vai?” configúrase como un elemento de consulta especialmente útil á hora de resolver este tipo de dúbidas en calquera momento, axudando con isto a que a colaboración cidadá sexa correcta e acertada, e, en consecuencia, mellorar os sistemas de recollida, reducir impropios nos contedores para favorecer un adecuado tratamento e reciclaxe dos residuos.

Xa non che quedan escusas para non separar o lixo de forma axeitada!