Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

UNHA XORNADA DE DANZA E UN ESCAPE ROOM ABREN O “CEDEIRA FEST” XURDIDO DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

O programa de dinamización “Cedeira Fest” saído da cuarta edición dos Orzamentos Participativos do Concello de Cedeira arranca este domingo, 16 de xuño, con danza. Baixo o título “Cedeiranza” programouse unha xornada con dous obradoiros pola mañá, nos que non se precisan coñecementos previos, e tres espectáculos pola tarde. A inscrición está aberta a través do Whatsapp no número 649 87 66 14.

Os obradoiros de aprendizaxe serán pola mañá na Sala Áncora, ás 11.00 e ás 12.30h. A compañía de danza La Guajira, integrada polos bailaríns Armando Martén e Ana Beatriz Pérez xunto co músico Ismael Berdei, encargarase de impartir o primeiro, que leva por título “Zona de recreo”. O segundo obradoiro correrá a cargo de Elahood, grupo integrado por Sabela Domínguez e Julia Laport, e será unha introdución ás danzas urbanas e particulamente ao estilo chamado “waacking”. A participación nestas actividades non require ter formación previa de danza. O único que se pide é acudir con ropa cómoda e que permita o movemento.

Xa pola tarde, na praza Roxa, sucederanse tres espectáculos de baile, cada un deles de menos de vinte minutos de duración, a partir das 19.00 horas. Elahood actuará en primeiro lugar, co seu espectáculo “Intempestiva”. É unha proposta escénica inspirada na figura de Xela Arias e que xira arredor da desobediencia, da liberdade e da axitación creativa das novas xeracións. A continuación chegará a quenda de La Guajira, que ofrecerá “Minguantes”, unha peza arredor do envellecemento, de como o corpo é unha máquina con data de caducidade. Para rematar, o bailarín Daniel Rodríguez presentará “A raíz de”, un diálogo entre a música, o canto e a danza tradicional galega coa contemporaneidade.

Para o vindeiro 21 de xuño, o último día de clase, está programada a segunda proposta do “Cedeira Fest”. Será un “Escape Room-Noite Meiga” no que equipos de catro ou cinco rapaces e rapazas –os menores de 12 anos terán que ir acompañados dun adulto- xogarán a superar probas e retos relacionados coas tradicións e lendas máis misteriosas de Galicia. Quen queira participar ten que inscribirse no Centro de Ocio Xuvenil, ben presencialmente ou ben a través do mail coxcedeira@gmail.com.

O programa “Cedeira Fest” que aprobou o pleno de Cedeira no marco dos cuartos Orzamentos Participativos abranguerá en total 17 propostas diferentes, culturais, deportivas e de ocio, dirixidas a desestionalizar e dinamizar o tempo de lecer da mocidade da localidade. O programa foi artellado polo alumnado de 3º de ESO do IES Punta Candieira, ao que sucesivamente cada ano se lle confía o proceso de decidir o que se fai cos presupostos de participación.

O CONCELLO DE CEDEIRA DENUNCIA OS GRAVES RETRASOS QUE SOFREN OS CONTROIS DE PACIENTES ONCOLÓXICOS

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, ten solicitado á Consellería de Sanidade unha reunión urxente co seu titular, Antonio Gómez Caamaño, e coa xerente da Área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López Crecente, para tratar a preocupante situación que están a sufrir os pacientes oncolóxicos do municipio. Segundo expón o rexedor no escrito dirixido a Sanidade, as citas para as probas radiolóxicas de control destes doentes están a acumular retrasos de ata catro e cinco meses cando os facultativos establecen que hai que realizalas cada tres.

As persoas afectadas en Cedeira acudiron ao goberno local despois de ter presentado sucesivas reclamacións, tanto dos mesmos doentes como dos propios médicos, que non recibiron como resposta máis que o acuse de recibo e unha sucinta explicación aludindo a que os retrasos se deben ao gran número de exploracións solicitadas e á capacidade actual do servizo. Coinciden os pacientes en sinalar que os problemas se presentan desde xaneiro pasado, dado que con anterioridade, mesmo durante a pandemia, a atención sempre fóra puntual.

Tal e como explican as persoas afectadas, mentres que o diagnóstico está colapsado, a enfermidade non para. Cómpre recordar que a realización periódica dun TAC é a fórmula precisa para detectar precozmente se existe recurrencia da enfermidade, de maneira que o retraso na realización da proba supón, na práctica, que en moitos casos xa non se poda reaccionar a tempo.

O goberno local de Cedeira remitiu o seu escrito a Sanidade o pasado día 3 e este luns chegou resposta indicando que os representantes municipais serán recibidos pola xerente da Área Sanitaria, María Fernanda López Crecente, en data que aínda está pendente de fixar.

 

CEDEIRA INAUGURA ESTE SÁBADO COA RUTA DOS PEIRAOS O SEU PROGRAMA DE SENDEIRISMO PARA ESTE VERÁN

O Concello de Cedeira inaugura este sábado unha nova edición do programa de sendeirismo De Ruta, organizado da man da empresa local de turismo activo Portal Norte e artellado cun total de 36 saídas guiadas e gratuítas coas que descubrir o extraordinario patrimonio natural da localidades, así como os seus valores etnográficos e culturais. Desde o goberno local animan tanto á propia veciñanza como á xente da contorna a apuntarse e participar.

A ruta inaugural, este sábado, será a denominada “dos peiraos” e conta xa con todas as prazas cubertas, porén volverá a repetirse os días 10 e 22 de xullo, o 3 e 21 de agosto e o 2 de setembro. É un percorrido duns 15 quilómetros, de dificultade media-baixa, que comeza no espigón do porto. Alí estará o punto de reunión das personas participantes, ás 09.00h, para ascender desde alía o Castelo da Concepción e comezar un percorrido por paisaxes excepcionais. A ruta pasa pola ermida de San Antón de Corveiro, polas antigas garitas de vixilancia e por miradoiros espectaculares sobre o Atlántico. A última parte é o descenso ao núcleo máxico de Santo André. É de entre todas as saídas propostas, a que ten maior desnivel acumulado, duns 1.200 metros. A duración estimada, en tempo, é dunhas seis horas.

Xa o luns 17 de xuño está programada a segunda saída, a ruta circular de Robaleira, e para o mércores 19 a terceira, a da garita de Herbeira, que teñen aberta a inscrición. A primeira comezará ás 10.00h desde a Oficina de Turismo e irá polo sendeiro que leva desde as vellas fábricas de San Isidro ata o faro de Robaleira. A segunda comeza na propia garita de Herbeira, tamén ás 10.00h, e descenderá polo cantil, ofrecendo unhas extraordinarias vistas dos acantilados e da serra da Capelada. En todos os casos, as personas participantes deberán levar auga e comida, así como ropa e calzado adecuados, gorro e crema solar.

As personas interesadas en participar teñen que apuntarse, ben na Oficina de Turismo ou ben a través de Whatsapp, ao número de teléfono 648 877 780.