Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O Concello de Cedeira toma medidas para evitar novos derrubamentos sobre a estrada do porto

O CONCELLO DE CEDEIRA TOMA MEDIDAS PARA EVITAR NOVOS DERRUBAMENTOS
SOBRE A ESTRADA DO PORTO

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, acudiu esta mañá a Cedeira, a instancias do seu goberno local, para visitar a zona que resultou afectada a pasada semana polo derrubamento dun ribazo sobre a estrada que vai ao peirao. No percorrido estivo acompañado polo alcalde, Pablo Moreda; a primeira tenente de alcalde, María Xosé
Rodríguez López; o concelleiro de Deportes, Nicolás Vergara; e a patroa maior da Confraría de Pescadores de Cedeira, Lucía Villar.

Na visita acordouse que Portos de Galicia vai acometer unha corta das árbores que aínda poden significar perigo ou contribuír a novos derrubamentos, e tamén que retirará uns depósitos de auga que están na zona e poden afectar á súa estabilidade. A actuación abranguerá unha franxa duns 50 metros arredor do punto no que se produxo o deslizamento da pasada semana.
Nesta mesma liña, o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, informou de que xa se ten localizados aos propietarios das 45 parcelas de monte que están próximas ao lugar e que de maneira inmediata se lles vai requirir que corten os eucaliptos que crecen na zona e que, pola súa envergadura,poñen en perigo a estabilidade do terreo. Moreda explicou que no mesmo requirimento se lles informará de que a Lei de Montes en vigor prohíbe a prantación destas árbores a menos de 50metros das vivendas.

O interese do goberno municipal é garantir a seguridade da zona e que non se repitan incidentes como o acontecido, que afortunadamente non supuxo ningún dano persoal.

“O Mesón” álzase co primeiro premio da segunda edición co certame de tapas de merluza de Cedeira

“O MESÓN” ÁLZASE CO PRIMEIRO PREMIO DA SEGUNDA EDICIÓN CO CERTAME
DE TAPAS DE MERLUZA DE CEDEIRA

A segunda edición da Festa da Merluza, que durante os últimos sete días encheu de actividades e citas gastronómicas á vila de Cedeira, pechou hoxe co reparto das últimas racións e coa entrega dos premios do II Concurso de Tapas de Merluza.

Este último acto tivo lugar pasadas as dúas da tarde e contou coa presenza de representantes do Concello e máis da Confraría de Pescadores da localidade, colaborador e organizador, respectivamente, do programa.

Segundo o xurado popular as mellores propostas gastronómicas para degustar a merluza da volanta foron as presentadas polos locais O Mesón, que quedou primeiro cao tapa “Merluza en tempura de primaveira”. O segundo premio correspondeulle a Mesón Jojó pola “Hamburguesa de merluza” e o terceiro foi para o mesón O Amanexo pola súa proposta de “Merluza confitada con pil-pil de berberechos y espuma de codium”.

O resultado foi moi axustado, segundo os convocantes, que tamén destacaron o traballo dos locais participantes e a alta calidade das propostas presentadas ao certame. O concurso reuniu un total de 16 establecementos de hostalaría da vila de Cedeira, catro máis que na pasada edición.

Xeorutas

XEORUTAS

O programa das xeorutas que o Concello de Cedeira organiza para dar a coñecer a riqueza xeológica do municipio dará comezo hoxe coa celebración da primeira das saídas, a denominada do Cromo. É unha ruta de baixa dificultade e cun percorrido duns seis quilómetros. Ao día seguinte, será a ruta das Praias Negras a que levará aos participantes, as quince prazas levan días xa esgotadas, a descubrir a única praia de area negra non volcánica do planeta.