Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO RENOVA O PANEL INFORMATIVO DA PRAZA DE GALICIA CUNHA NOVA PANTALLA CON ILUMINACIÓN LED

O Concello de Cedeira vén de substituír o panel informativo da praza de Galicia por un novo con lámpadas led que permite visualizar con gran calidade tanto vídeos como fotografías, así como calquera tipo de texto. Desde o goberno local destacan a utilidade desta pantalla para poñer a pé de rúa todo tipo de información de interese xeral para a cidadanía, garantindo que estea ao fío da programación de actividades ou doutras novidades da vila, así como das alertas meteorolóxicas e avisos urxentes coa inmediatez necesaria.

Cómpre recordar que o Concello de Cedeira actualiza diariamente a sección de novas na súa páxina web e lanza todas as informacións a través da súa canle de difusión Cedeira Informa, que funciona coa aplicación de mensaxería instantánea Whatsapp –para apuntarse hai que gardar nos contactos do teléfono móvil o número 604 024 266 e enviar a mensaxe “Alta”-.

A situación do panel informativo, nun lugar moi céntrico da vila, pola que transitan a pé moitos veciños e veciñas e polo que tamén pasan moitos vehículos, permite reforzar a comunicación coa cidadanía en xeral e facilitala coas persoas que teñen menos acceso ás novas tecnoloxías.

UN TREN ELÉCTRICO Á MEDIDA DAS CRIANZAS FUNCIONA HOXE E MAÑÁ NO POLIDEPORTIVO DE CEDEIRA

Un tren eléctrico que circula sobre raís é a nova atracción que hoxe e mañá funcionará no Polideportivo Municipal de Cedeira, para que nenos e nenas de dous a dez anos gocen da experiencia de viaxar en vagóns á súa medida. A proposta súmase á variada oferta de ocio que o Concello dispuxo para estas festas de Nadal no interior do pavillón, con actividades para toda a familia totalmente de balde.

Así, o circuíto de vías sobre o que vai o tren, coa locomotora en cabeza e os vagóns a continuación, funciona hoxe e mañá durante todo o horario de apertura do parque de xogos do Polideportivo, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

Segue aberto tamén ata o 8 de xaneiro –salvo festivos- o resto das atraccións: a pista de xeo, o tobogán xigante, os xogos inchables e a zona de obradoiros, todos os días no devandito horario e totalmente de balde.

Cómpre recordar que este venres, día 30, o Auditorio Municipal de Cedeira acollerá o Concerto de Fin de Ano a cargo da Banda de Música Vila de Cedeira e que para o 1 de xaneiro, o Concello programou unha Festa de Ano Novo. A partir da unha da madrugada, despois de tomar as uvas, comenzará na Praza Roxa unha verbena amenizada pola orquestra Olympus.