Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

Servizo de Normalización Lingüística: “Ímoslle tomar os chatos”

SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA “ÍMOSLLE TOMAR OS CHATOS”

Na liña da campaña “Ole que arrecende, sabe que esmecha!”, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cedeira quere compartir unha entrada publicada recentemente no Portal das palabras titulada As uvas máis comúns do país.

Tras unha breve introdución na que nos mostra algúns elementos clave no vocabulario do viño, preséntanos as sete variedades de uva de maior profusión na nosa terra e explica a procedencia dos seus nomes. Así, o termo albariño ten a súa orixe na palabra albus, que en latín significa ‘branco’. Pode consultar a entrada na seguinte ligazón:e a próxima vez que vaias tomar os chatos terás un tema de conversación ben acaído!:

IR Á LIGAZÓN As uvas máis comúns do país

Pode consultar os proxectos desenvoltos polo servizo de normalización lingüística na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Servizo de normalización lingüística

Ampliado o horario de apertura do Castelo da Concepción

AMPLÍASE O HORARIO DE APERTURA DO CASTELO DA CONCEPCIÓN

Desde a Concellería de Cultura e Turismo informan aos/ás veciños/as e visitantes que a partir do día 6 de decemrbo e ata o día 10, o Castelo da Concepción abrirá as súas portas diariamente de 12.00 a 17.00 h de xeito ininterrompido.

Trátase dunha das visitas imprescindibles ao achegarse á Vila de Cedeira. Pode consultar toda a información sobre o Castelo dispoñible na web de turismo municipal:

IR Á LIGAZÓN Información sobre o Castelo da Concepción

A escavación arqueolóxica do Campo do Castro arrincou onte

A ESCAVACIÓN ARQUEOLÓXICA DO CAMPO DO CASTRO ARRINCOU ONTE

Un equipo arqueolóxico iniciou onte a escavación do Campo do Castro, a mesma zona na que na pasada primaveira foron localizados restos de cerámica e de muros de orixe castrexa como resultado das catas realizadas polo Concello de Cedeira. A área de intervención será agora de aproximadamente 100 metros cadrados.

A execución do proxecto, do que volverá a estar ao frente como director e arqueólogo Emilio Ramil, terá como obxectivo definir ás estruturas xa localizadas, así como recuperar as posibles ruínas arqueolóxicas das estancias pertencentes a un asentamento castrexo de certa importancia, a dicir dos expertos e máis dos restos dos muros que saíron á luz durante a terceira das catas realizadas na parcela de propiedade municipal, a mesma que agora acollerá a escavación. Ramil non descarta que poida quedar constancia de antigos pavimentos e divisións que axuden a definir as estancias do asentamento que existiu nesta punta da ría de Cedeira.

Os traballos que agora comezan prolongaranse durante once xornadas máis. O custo do proxecto, financiado integramente pola Dirección Xeral de Patrimonio, chega aos 18.000 euros. Nesta ocasión, o equipo estará formado por un total de cinco arqueólogos, outros cinco auxiliares de arqueoloxía, un topógrafo, un debuxante e unha persoa que se encargará de recoller en vídeo a evolución da escavación e os resultados que esta revele.

A execución dun posterior proxecto de consolidación de todo o recuperado permitiríalle ao Concello de Cedeira facer do lugar un paso obrigado para os moitos turistas que visitan o municipio ao longo de todo o ano pero, dun xeito máis numeroso, durante os meses de verán.

Enriquecer o patrimonio local e mesmo favorecer o sector turístico, moi importante para a economía local, estiveron entre as principais razóns argumentadas polo equipo de goberno para a realización das sondaxes que, na primavera desde mes ano -tamén executadas polo equipo de Emilio Ramil- viñeron so a confirmar a orixe castrexa dun lugar que posteriormente tamén sería ocupado polos romanos. Na primeira cata xa foron recuperados anacos de cerámica castrexa e romana.