Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

Charla sobre ditos populares

CHARLA SOBRE DITOS POPULARES

A frases feitas e os refráns son parte importante da nosa lingua e de cotío recorremos a eles para expresar ideas que van máis alá do que as palabras que as conforman significan. Estes curiosos artefactos producidos polo enxeño popular válense moitas veces de nomes de persoas (como en ser un Xan) e nomes de lugares (como en facerse o de Covas) para encerrar un contido que acostuma gardar unha relación estraña coa expresión, unha relación que na maior parte das ocasións non temos clara. Será que houbo un Xan famoso por ter pouco carácter? Será que os de Covas son xente desentendida das cousas?

Para resolver este tipo de dúbidas, o Servizo de Normalización Lingüística pediulle ao noso querido veciño Álvaro Porto Dapena que nos ofrecera unha charla que titulou “O porqué dalgúns ditos con nome propio de persoa ou de lugar”. De seguro aprenderemos cousas interesantes e pasaremos un bo rato coa conversa amiga deste cedeirés que tanto sabe das palabras.

Sala da cafetería do Auditorio Municipal

28 de decembro, 19:00 h

Entrada Libre

Papá Noel chegará o sábado en kayak polo río Condomiñas

PAPÁ NOEL CHEGARÁ O SÁBADO EN KAYAK POLO RÍO CONDOMIÑAS

O Nadal está a piques de chegar ao municipio de Cedeira coa celebración das primeiras actividades específicas, aínda que as luces levan días acendidas.

Papá Noel chegará ao concello na tarde no próximo sábado (día 23) navegando en kayak polo río Condomiñas na compaña de algúns mergulladores. A chegada está prevista para as 18.30 horas e terá lugar na praza da Marieta. Ao remate da recepción, a comitiva sairá para percorrer as rúas da localidade. Trátase dunha inicativa dun grupo de entidades locais coas que colabora o Concello de Cedeira. A animación correrá a cargo de Sport Club Fitness.

A praza Roxa acollerá o día 31 a festa de Aninovo, que estará amenizada pola orquestra Fania Blanco Show. A celebracion arrincará pasada a unha da madrugada. Haberá carpa.

Teatro “O Castiñeiro do Apalpador”

TEATRO “O CASTIÑEIRO DO APALPADOR”

Dentro da campaña “En familia, en Cedeira, en galego”, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello, en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, trae unha actividade para que grandes e pequenos/as desfrutemos neste tempo de Nadal. Trátase da peza de teatro con monicreques “O castiñeiro do Apalpador”, producida por Fantoches Baj. A actividade desenvolverase o domingo 24 ás 12:00 h. no Auditorio Municipal (Entrada libre)

Partindo da lenda popular galega, a obra presenta un carboeiro ao que a xente chama Apalpador. Este curioso personaxe contaranos a fabulosa historia do seu castiñeiro máxico e de como comezou a repartir as súas castañas no Nadal entre os nenos e as nenas que pasan famiña.

Para pasar un bo rato en familia e coñecer as nosas tradicións!