Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

O XX Festival de Habaneras da Asociación Virxe do Mar será este sábado no auditorio de Cedeira

O XX FESTIVAL DE HABANERAS DA ASOCIACIÓN VIRXE DO MAR SERÁ ESTE SÁBADO NO AUDITORIO DE CEDEIRA

A vila de Cedeira terá este sábado unha cita coa música coral. Será da man do Festival de Habaneras que, organizado pola Asociación Cultural Virxe do Mar, terá lugar no auditorio municipal a partir das 20.00 horas. A entrada é libre e gratuíta.

O Concello de Cedeira colabora, xunto á Deputación da Coruña e a floristería Katy, na celebración dun encontro que este ano chega a súa vixésima edición e no que as actuacións correrán a cargo das corais polifónicas “Lembranzas” de Sada e de Santa Cruz de Oleiros e da local “Virxe do Mar”.

A cuarta edición do programa “Música na Rúa” arrinca esta fin de semana co festival de Buxainas

A CUARTA EDICIÓN DO PROGRAMA “MÚSICA NA RÚA” ARRINCA ESTA FIN DE SEMANA CO FESTIVAL DE BUXAINAS

O programa “Música na Rúa”, organizado polo Concello de Cedeira, chega este ano á súa cuarta edición cunha convocatoria que arrincará esta fin de semana coa celebración do festival folclórico de Buxainas (Organiza a Asociación Cultural Buxainas e colabora o Concello de Cedeira), que será este sábado, ás sete da tarde, na praza Roxa.

Ao día seguinte, domingo día 15, a actividade trasladarase ao paseo da Mariña no que, ás 13.30, terá lugar a actuación da asociación de acordeonistas da localidade.

A programación retomarase o domingo día 22 coa actuación de As Aturuxeiras na praza do Peixe, a partir das 13.30 horas, para continuar o día 29 con motivo da celebración da Festa do Percebe. A actuación será ás 13.30 horas no porto pesqueiro e correrá a cargo da banda de música “Vila de Cedeira”.

Cedeira completa a súa oferta turística con rutas de sendeirismo guiadas

CEDEIRA COMPLETA A SÚA OFERTA TURÍSTICA CON RUTAS DE SENDEIRISMO GUIADAS

O programa arrincará o martes 17 e estará vixente ata finais de agosto.

O Concello de Cedeira completa a súa oferta turística coa organización de dúas rutas de sendeirismo guiadas. Son os denominados roteiros dos Tesouros e de Santo André de Teixido. As saídas, que darán comezo o próximo martes, día 17 de xullo, serán todos os martes e xoves ata finalizar o mes de agosto.

Con respecto á ruta dos Tesouros dará lugar a unha andaina de aproximadamente 10 quilómetros cuxo obxectivo será o faro de Robaleira e súa contorna. A duración estimada é de tres horas e saída será os martes ás 9.00 horas desde a oficina de Turismo, situada no número 18 da avenida de Castelao.

En canto a segunda das propostas, tamén dará comezo ás 9.00 horas pero, neste caso, os primeiros quilómetros faranse en vehículos particulares, ata a igrexa de Régoa, punto de partida unha andaina que cubrirá unha distancia dun 16 quilómetros. A duración será de cinco horas e terá lugar os xoves.

As persoas interesadas xa poden facer a reserva de praza na oficina de Turismo (teléfono 981482 187). O número de participantes é limitado, só serán admitidos os vinte primeiros solicitantes, e a participación é gratuíta. A organización establece como material necesario calzado de monte, bastón, auga, froita e chuvasqueiro. A dificultade é baixa, polo que se trata de actividades nas que tamén poden tomar parte nenos e nenas.

Cara ao presente mes, as saídas serán os días 17, 19, 24, 26 e 31, mentres que en agosto se levarán a cabo os días 2,7,9,21,23, 28 e 30.