Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

A festa do Percebe chega a súa edición número 17 con degustación, actividades e venda de marisco da ría

A FESTA DO PERCEBE CHEGA A SÚA EDICIÓN NÚMERO 17 CON DEGUSTACIÓN, ACTIVIDADES E VENDA DE MARISCO DA RÍA

A vila de Cedeira prepárase estes días para celebrar unha nova edición da Festa do Percebe, que cumpre 17 anos e que como novedade presenta a comercialización de mariscos da ría na “Tenda da Lonxa” durante a celebración do encontro festivo. Este servizo entrou en funcionamento no mes de xaneiro e localízase nas instalacións da rula.

A cita gastronómica será os días 28 e 29 de xullo, aínda que as actividades darán comezo o próximo luns cun programa que abarcará toda a semana e no que haberá desde obradoiros para os máis pequenos ata a celebración dunha xornada de pesca infantil, prevista para o venres 27 e organizada polo Concello. A participación nesta última convocatoria é gratuíta, arrincará ás cinco da tarde e será no porto deportivo.

Ademais haberá visitas guiadas o martes, mércores e xoves para que veciños e visitantes poidan coñecer “A nosa ría”, “A Cedeira maniñeira” e “O día dun percebeiro”. As saídas serán ás 11.00, 10.30 e 11.00 horas, respectivamente, e terán como referencia a Casa do Pescador ou a praza do Peixe. En canto aos obradoiros infantís, impartiranse na Casa do Pescador, darán comezo ás 11.00 horas e axudarán aos nenos a entender mellor o mundo do mar con actividades moi variadas, que van desde “un acuario no teu prato” ata un taller de pegatinas. Estes obradoiros serán os días 23 e 27.

A festa gastronómica do percebe arrincará ás 11.30 do próximo sábado coa apertura dos postos de venda, que un ano máis ocuparán a esplanada do porto pesqueiro. Haberá racións de polbo, empanada e do marisco que dá lugar á celebración desta cita festiva, o percebe. Ademais haberá unha xornada dedicada aos mariscadores e marisco no Museo Mares de Cedeira, a partir das 12.00 horas; pasarrúas, coa actuación da charanga Mekanika, e inchables, a partir de las 17.30 horas, na praza de Area Longa.

Durante a segunda xornada dedicada ao percebe practicamente repítese a mesma programación, aínda que neste caso, a actuación musical correrá a cargo da banda Vila de Cedeira. Tanto o sábado como o domingo a exaltación gastronómica será entre as 11.30 e as 19.00 horas.

A organización confía un ano máis na contratación do tren turístico para trasladar aos visitantes desde a vila á esplanada do porto.

O Concello de Cedeira volve a colaborar coa Confraría de Pescadores na organización dun programa que tamén conta co respaldo da Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, e da Unión Europea, da man do grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal e do proxecto “O sentir mariñeiro”.

Música na Rúa

MÚSICA NA RÚA

O programa “Música na rúa” segue a súa andaina ao longo do presente mes e asómase á segunda quincena de xullo co concerto previsto para a xornada do próximo domingo, día 22. A praza do Peixe acollerá unha actuación que estará protagonizada polo grupo As Aturuxeiras. A cita será ás 13.30 horas.

As escavacións no Sarridal son protagonistas no Congreso Internacional de Arqueoloxía

AS ESCAVACIÓNS NO SARRIDAL SON PROTAGONISTAS NO CONGRESO INTERNACIONAL DE ARQUEOLOXÍA

O castro do Sarridal e as escavacións levadas a cabo nesta zona de Cedeira está moi presente no Congreso Internacional de Arqueoloxía que estes días se está a celebrar en Vilalba (Lugo).

Onte mesmo un grupo de participantes se desprazou á vila, a primeira hora da tarde, para ter contacto directo coa escavación, na que en decembro pasado foi localizada a quinta pedra formosa atopada en Galicia.

A presenza dos congresistas deu lugar á recepción dos congresistas no popio xacemento por parte do alcalde, Pablo Moreda Gil e dos concelleiros de Cultura, Educación e Servizos Sociais, María Xosé Rodríguez Pérez, Rubustiano Labraña e Manuela López Rodríguez, respectivamente.

E os traballos que se están a realizar na zona do Sarridal volverán mañá a centrar a actividade do congreso coa participación no mesmo de Emilio Ramil, arqueólogo e director das tres escavacións executadas ata agora en Cedeira.

Ramil explicará aos asistentes as características do que é o segundo monumento con forno localizado na zona de Ortegal -Castro dos Prados (Ortigueira), o primeiro, atopouse 28 anos antes así como detalles destes traballos. A continuación, será o arqueólogo Xosé Ramón Martínez Casal, profesional que tamén está a participar nas escavacións, a persoa que leve o descubrimento ao terreo cultural, explicando a riqueza inmaterial que se deriva deste tipo de intervencións e que contribúe a contextualizar a historia dos pobos, neste caso da cedeirense.

O congreso, que arrincou onte, finalizará o venres cunha alta participación de profesionais de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Castilla-León, e norte de Portugal. A Asociación de Amigos do Museo de Vilaba e do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba está ao fronte desta cuarta edición do congreso, que ten periodicidade trianual.